Este mes, como lembraremos, celébrase no Gran Hotel da Toxa a Noite das Telecomunicaciónsde Galicia (edición XX), unha velada organizada polo COETG e a AETG destinada a celebrar e reivindicar o papel das novas tecnoloxías (e dos profesionais galegos das novas tecnoloxías) no desenvolvemento económico e social da nosa terra. A cita dará acubillo á entrega oficial dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015, uns galardóns cos que se quere visualizar o traballo ben feito en materia de impulso TIC, tanto no ámbito privado como no público.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Rede Galega contra a Pobreza, organiza un ciclo formativo sobre diferentes solucións libres orientadas ás entidades do terceiro sector. Este ciclo consta dun total de 35 horas de formación repartidas en 6 obradoiros prácticos sobre diferentes solucións libres, 2 obradoiros de desenvolvemento sobre o xestor de contidos Drupal e unha xornada final de presentación de experiencias de uso de software libre no terceiro sector.
A Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) comunica que vén de abrir o prazo para a recepción de proxectos destinados a concorrer en Galiciencia 2015, prazo que ficará aberto até o vindeiro 25 de outubro. A edición deste ano da feira científica da Tecnópole, unha das máis importantes citas do Estado en materia de mocidade investigadora (as científicas e científicos do día de mañá), acubillará tralo proceso de selección un total de 80 proxectos.