A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) súmase á conmemoración do Día Europeo da Solidariedade Interxeneracional, que se celebra o venres 29 de abril, coa publicación dun manifesto co que a entidade reivindica a necesidade de superar calquera forma de discriminación por razón de idade e a importancia de que as persoas de todas as xeracións estean conectadas, dialoguen e se respecten mutuamente.
A Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO vén de anunciar que patrocinará o campionato galego D3Mobile Metrology World League. O apoio da Comisión ao certame (un concurso de alcance internacional no que se convida ás novas xeracións a facer modelos 3D de precisión coa axuda dos seus dispositivos móbiles) materializarase en 2017. Como lembraremos, a liga mundial vén da man do grupo de investigación USCAN3D da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e outras entidades.
Co obxectivo de difundir os valores da programación informática entre os rapaces e os seus pais, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) en colaboración coa Facultade de Informática da Coruña (FIC) organizará o vindeiro día 7 de maio o evento Scratch Day no que os participantes poderán acceder de forma lúdica e divertida ao mundo da programación, tomando conciencia da potencia desta ferramenta como medio de expresión de ideas e vehículo para o emprendemento.