Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Día Europeo da Solidariedade Interxeneracional

Afundación publica un manifiesto para celebrar o Día Europeo da Solidariedade Interxeneracional

  • O documento reivindica en dez puntos o papel dos maiores na sociedade e a necesidade de que as distintas xeracións estén conectadas
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 02/05/16 (08:21)

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) súmase á conmemoración do Día Europeo da Solidariedade Interxeneracional, que se celebra o venres 29 de abril, coa publicación dun manifesto co que a entidade reivindica a necesidade de superar calquera forma de discriminación por razón de idade e a importancia de que as persoas de todas as xeracións estean conectadas, dialoguen e se respecten mutuamente. O documento presentouse na Coruña nun acto no que estiveron presentes o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; Sabela Couceiro, coordinadora da área de Envellecemento activo de Afundación; Isabel Sánchez Edreira, socia do Centro de Maiores de Afundación en Betanzos; e Yasmin Pernas Días, alumna do IES Francisco Aguiar de Betanzos. Estas dúas últimas, xunto con outros 15 voluntarios e estudantes, participaron na gravación dun vídeo que recolle o dez puntos do manifesto.

A celebración do Día Europeo da Solidariedade Interxeneracional, unha iniciativa simbólica instituida en 2009 pola Unión Europea, susténtase anualmente na reivindicación de que o envellecemento se trate non só desde os desafíos económicos que supón, senón tamén desde a importante achega social e económica que realizan as persoas maiores e desde as oportunidades que ofrece para favorecer a cooperación mutua e a acción interxeneracional entre mozos e maiores.

Afundación súmase a esta celebración, dentro do seu proxecto "O valor da experiencia", desenvolvido pola área de Envellecemento Activo da entidade, co que pretende ampliar as oportunidades de participación e de contribución social das persoas maiores, aproveitando o seu talento e a súa experiencia vital e profesional en beneficio da comunidade. "A solidariedade interxeneracional significa normalizar as relacións en todos os ámbitos  e crear contornas amigables para todas as idades que fagan posible que os diferentes grupos aprendan xuntos. Alcanzar o coñecemento e a comprensión do noso mundo a través daqueles que xa viviron, que xa reflexionaron, que xa experimentaron é unha garantía de futuro, unha formación de vida que nos fará máis felices e mellores como persoas e, seguramente, tamén, como profesionais", subliñou Miguel Ángel Escotet.

Afundación, a través deste manifesto, quere facer unha invitación á sociedade para que se favoreza en tódolos ámbitos o diálogo e o encontro entre distintas xeracións. O texto, que leron novos e maiores participantes no programa interxeneracional de Afundación "Fálame da emigración", estará presente en tódalas sedes de Afundación para que, quen así o desexe poida subscribirlo. Para iso instalaranse durante unha semana nestes espazos uns paneis nos que a cidadanía poderá expresar as súas opinións e sumarse deste xeito á conmemoración do Día Europeo da Solidariedade Interxeneracional. A campaña estenderase a tódolos centros da entidade e tamén a través da súa páxina web e redes sociais, coa publicación dun vídeo no que maiores e mozos reivindican conxuntamente a importancia de crear espazos nos que atoparse e compartir experiencias

Tema: Xeral
Fonte: entremayores.es
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal