Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Lingua de signos.

A Coruña achegará unha plataforma tecnolóxica de vídeo-interpretación en lingua de signos

Versión para impresiónSend by email
A Coruña, 12/07/17 (11:07)

O Concello de A Coruña quere avanzar botando abaixo a meirande cantidade posible de atrancos que se poidan interpoñer entre a información xerada pola cidade e a cidadanía. Esta semana, anunciou unha intervención directa nos atrancos que atinxen ás persoas xordas e con discapacidade auditiva. O camiño elixido para esta iniciativa é, unha vez máis, o camiño das novas tecnoloxías da información. Así o anunciou a Concellería de Igualdade e Diversidade, que anunciou a vindeira posta en marcha dun servizo de vídeo-interpretación en lingua de signos. Este servizo consistirá, en palabras da Concellería, “nunha plataforma tecnolóxica no que unha persoa intérprete de lingua de signos, dende unha localización remota, recollerá unha vídeo-chamada do persoal municipal ou mesmo da persoa usuaria presente nunha oficina de atención cidadá, e traducirá a lingua oral e de signos o diálogo entre ambas”. 

A licitación do servizo levarase a cabo nas vindeiras datas. O obxectivo específico: “Garantir a accesibilidade e non discriminación das persoas xordas ou con discapacidade auditiva aos servizos de atención cidadá do Concello”. A licitación, explica o Goberno local, suporá a posibilidade de dispoñer dunha bolsa de horas de vídeo-interpretación en liña para rexistros e atención cidadá directa, ademais da interpretación doutras iniciativas municipais, prevendo a posibilidade de requirir a ampliación deste servizo no futuro.

O contrato da área de Igualdade establece unha xornada de traballo na que o persoal aproveitará as devanditas bolsas de horas para, nos tempos dispoñibles alén da atención cidadá, realizar vídeo-interpretación e/ou subtitulado de contidos multimedia municipais (plenos, vídeos de campañas municipais, vídeos para a web do Concello) de forma que, “de xeito progresivo”, poida avanzarse na “necesaria e obrigada accesibilidade universal de todas as persoas aos distintos servizos da Administración”, engadiu a Concellería.

A habilitación do servizo prevé a ampliación dos 10 postos actuais con plataformas de vídeo-interpretación. O tipo de licitación é de 18.000 €, cunha duración máxima de dous anos prorrogables a dous máis, e unha posibilidade de incremento por incorporación de novos postos de até o 50 %. O persoal deberá posuír a titulación de Técnico Superior en Interpretación de Lingua de Signos Española. O texto establece que a modalidade web/online da plataforma, que se integrará no portal www.coruna.gal e terá que cumprir cos criterios de imaxe corporativa municipais, deberá funcionar “nos navegadores máis usados” pola poboación e “non deberá ter restricións en canto ao número de persoas usuarias ou localizacións empregadas”. 

A licitación valora ademais, “especialmente”, a inclusión para o servizo de aplicacións nativas para tabletas ou desenvolvidas en HTML5 que “faciliten maior mobilidade e usabilidade tanto as persoas usuarias do servizo como aos equipos de atención cidadá municipais”.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal