
O Concello de A Coruña quere avanzar botando abaixo a meirande cantidade posible de atrancos que se poidan interpoñer entre a información xerada pola cidade e a cidadanía. Esta semana, anunciou unha intervención directa nos atrancos que atinxen ás persoas xordas e con discapacidade auditiva. O camiño elixido para esta iniciativa é, unha vez máis, o camiño das novas tecnoloxías da información. Así o anunciou a Concellería de Igualdade e Diversidade, que anunciou a vindeira posta en marcha dun servizo de vídeo-interpretación en lingua de signos [3]. Este servizo consistirá, en palabras da Concellería, “nunha plataforma tecnolóxica no que unha persoa intérprete de lingua de signos, dende unha localización remota, recollerá unha vídeo-chamada do persoal municipal ou mesmo da persoa usuaria presente nunha oficina de atención cidadá, e traducirá a lingua oral e de signos o diálogo entre ambas”.
A licitación do servizo levarase a cabo nas vindeiras datas. O obxectivo específico: “Garantir a accesibilidade e non discriminación das persoas xordas ou con discapacidade auditiva aos servizos de atención cidadá do Concello”. A licitación, explica o Goberno local, suporá a posibilidade de dispoñer dunha bolsa de horas de vídeo-interpretación en liña para rexistros e atención cidadá directa, ademais da interpretación doutras iniciativas municipais, prevendo a posibilidade de requirir a ampliación deste servizo no futuro.
O contrato da área de Igualdade establece unha xornada de traballo na que o persoal aproveitará as devanditas bolsas de horas para, nos tempos dispoñibles alén da atención cidadá, realizar vídeo-interpretación e/ou subtitulado de contidos multimedia municipais (plenos, vídeos de campañas municipais, vídeos para a web do Concello) de forma que, “de xeito progresivo”, poida avanzarse na “necesaria e obrigada accesibilidade universal de todas as persoas aos distintos servizos da Administración”, engadiu a Concellería.
A habilitación do servizo prevé a ampliación dos 10 postos actuais con plataformas de vídeo-interpretación. O tipo de licitación é de 18.000 €, cunha duración máxima de dous anos prorrogables a dous máis, e unha posibilidade de incremento por incorporación de novos postos de até o 50 %. O persoal deberá posuír a titulación de Técnico Superior en Interpretación de Lingua de Signos Española. O texto establece que a modalidade web/online da plataforma, que se integrará no portal www.coruna.gal [4] e terá que cumprir cos criterios de imaxe corporativa municipais, deberá funcionar “nos navegadores máis usados” pola poboación e “non deberá ter restricións en canto ao número de persoas usuarias ou localizacións empregadas”.
A licitación valora ademais, “especialmente”, a inclusión para o servizo de aplicacións nativas para tabletas ou desenvolvidas en HTML5 que “faciliten maior mobilidade e usabilidade tanto as persoas usuarias do servizo como aos equipos de atención cidadá municipais”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_7222.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.coruna.gal/portal/gl/concello/noticias/detalle-novas/o-goberno-local-mellora-a-accesibilidade-da-atencion-cidada-ao-ampliar-os-servizos-de/suceso/1453626454879
[4] http://www.coruna.gal/