Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Asistente virtual NETA.

Balidea prepárase para o piloto do seu asistente NETA: a compaña tecnolóxica das nosas persoas maiores

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 11/05/20 (09:32)

Balidea, a empresa tecnolóxica galega, vai iniciar en xuño o piloto da súa “neta” virtual, o asistente por voz para combater a soidade das persoas maiores e facilitarlles o día a día. Será unha iniciativa para probar en todos os seus detalles, nun contexto real, o asistente virtual NETA, que foi concibido para facer o máis doada e sinxela posible a relación da xente de idade coa súa contorna, ao achegarlles comunicación a través da voz. Esta tecnoloxía ten o engadido extra de saír ao paso dunha das grandes problemáticas do noso tempo e lugar: o envellecemento da poboación e a desatención e illamento na que viven moitas persoas maiores, unha circunstancia que se agravou co inicio da pandemia de COVID-19.

Así nolo explican dende Balidea: “Nunha situación como a que estamos a vivir hoxe a raíz da crise sanitaria, o asistente pode ser unha grande axuda para aquelas persoas confinadas en soidade, especialmente as máis vulnerables: as persoas maiores”. Trátase dunha aplicación á que se pode acceder a través de dispositivos móbiles, ben sexa un teléfono ou unha tableta, para a que, segundo explica Balidea, “non se precisa ser un experto dixital”, xa que permite interactuar con ela por voz, en galego ou en castelán. 

Fiabilidade e rigor

A través de NETA poderíanse recibir consellos especializados en relación á COVID-19, vídeos con recomendacións, actividades que axuden a levar mellor o confinamento etc., e “todo isto baixo a supervisión dun equipo especializado, evitando novas falsas, información errónea ou desinformación”.

Asesoramento de expertos

Balidea explica que apoiando o desenvolvemento desta tecnoloxía houbo un amplo equipo de especialistas achegando as súas contribucións: psicólogos, neuropsicólogos, xeriatras, terapeutas ocupacionais e sociólogos que levan máis de 20 anos coidando de persoas maiores a través da empresa de servizos sociosanitarios Atendo (que na actualidade presta os seus servizos a máis de 3000 persoas) e que, no caso de NETA Balidea, xuntaron forzas para optimizar o deseño funcional. A maiores, a previsión é contar cunha solución robotizada que incorpore NETA tamén nos vindeiros meses, deseñada pola empresa FrutoDS, enxeñaría especializada en deseño, e Ledisson, empresa experta en automatización industrial e que está apostando pola robótica social.

Funcionalidades útiles para a vida diaria

Balidea pon o foco no amplo abano de funcionalidades de NETA, xa que permite transmitir á persoa usuaria todo tipo de recordatorios (medicación, aniversarios, citas médicas...) empregando sempre “unha linguaxe amigable e próxima”. Ademais, pode recompilar diversas variables de control médico da persoa usuaria, como a tensión, os niveis de azucre en sangue, o nivel de osíxeno ou o peso, que logo tería a opción de compartir con quen quixese, por exemplo, o médico de cabeceira ou os familiares que están preocupados por se se está a coidar. A empresa con sede en Santiago tamén salienta que “NETA é útil para facer máis sinxelas as actividades da vida diaria, poñendo en contacto á persoa usuaria con provedores de servizos de proximidade (tendas de alimentación, farmacias…) para facer encargas e recibir a compra no seu domicilio”. Por certo que a ferramenta tamén deixa marxe para o lecer, xa que posibilita a comunicación cos seres queridos a través de videoconferencia, teléfono ou mensaxes instantáneas; escoitar música, ver fotos e vídeos; ou acceder a xogos. NETA está deseñada baixo unha óptica de Atención Centrada na Persoa, polo que cada quen pode decidir como quere que a súa neta virtual a desperte cada día: cunha canción, cunha mensaxe da neta real ou mesmo coa previsión do tempo. Pódese configurar segundo as preferencias e gustos da persoa usuaria e, o mellor de todo, cando regresemos á normalidade achegará información de todo o que sucede na contorna: teatro, concertos, eventos, obradoiros...

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal