Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel da iniciativa.

Ourense achega máis de 200 prazas para os seus novos obradoiros TIC

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 27/02/19 (09:30)

Ourense vai ter esta tempada un relevante número de obradoiros TIC, co engadido de extra de poñer o foco na xente nova e fomentar novas vocacións e talentos. Alén do devandito, boa parte do programa terá vontade “interxeneracional”. O centro de operacións é novamente o centro municipal La Molinera, principal foco da actividade divulgadora local arredor da innovación. O Concello achega máis de 200 prazas de balde. 

Para comezar, haberá actividades sobre impresión 3D, presentacións dixitais, robótica, tecidos electrónicos e programación para a rapazada. Segundo informou o concelleiro de Promoción Económica, trátase de formación para cativas e cativos, co fin de que estimulen as súas capacidades e as súas habilidades. Poderán participar nenos e nenas de até 16 anos. Tamén haberá obradoiros dirixidos a público de todas as idades sobre litofanía, cargador para móbil reciclado, fabricación de próteses e férulas ou veleiro radio control. Estes talleres abriron o prazo de inscrición o 22 de febreiro. 

Ofértanse un total de 205 prazas: 130 para as propostas interxeneracionais e 75 para público infantil. As actividades infantís, englobadas co título Obradoiros STEAM makers, serán sempre en horario de tarde, de 18 a 19.30 horas:

  • Obradoiro artístico dixital. Deseña, crea, expón o teu mundo dixital con Photoshop: desde o luns 11 de marzo ata o 13 de maio, para rapazada de 10 a 16 anos.
  • Impresión 3D ao alcance de todos. Deseña, crea, imprime os teus propios deseños. Os martes, desde o 12 de marzo ata o 23 de abril, para rapazada de 11 a 16 anos.
  • Robótica: o coche autónomo nas túas mans. Crea o teu robot segueliñas. Os mércores, desde o 6 de marzo ata o 15 de maio (10 a 16 anos).
  • E-téxtil: tecidos electrónicos, roupa intelixente (12 a 16 anos), os xoves, desde o 6 de marzo ata o 15 de maio.
  • Programación: laboratorio de inventos con Microbit, (11 a 16 anos) os venres, desde o 8 de marzo.

Cada actividade ten 15 prazas. As inscricións poderanse realizar nas páxinas web de La Molinera e da Aula CeMIT; www.lamolinera.net e cemit.xunta.gal/centro/55. Colaboran nestas actividades Abanca, a Fundación Aquae, Viaqua e a Fundación Telefónica.

Obradoiros para todas as idades
As actividades interxeneracionais agrupan 5 propostas para a co-creación en familia ou en grupos abertos a participantes de todas as idades, desde os 11 anos. Serán de 18 a 20h. Nestas actividades colaboran Abanca e maila axencia AMTEGA.

  • Creación de litofanías: Deseña, fabrica a partir de fotografías relevos en impresión 3D: Martes 16 e 23 de abril (20 prazas).
  • Cargador para móbil reciclado, no que se aprenderá a fabricar un cargador con pezas recicladas, impresión 3D e corte láser que poderá ser utilizado con enerxía solar ou eólica. Os martes, desde o 30 de abril ao 4 de xuño (20 prazas).
  • Fabricación de próteses e férulas: aprender a escanear, deseñar e fabricar en minutos unha férula personalizada con impresión 3D, os venres, desde o 1 de marzo ao 26 de abril (30 prazas).
  • Fabricación de veleiro radio control, con corte láser, impresión, robótica e Arduino. Os venres do 30 de maio ao 7 de xuño (30 prazas).
  • Coñece o teu FabLab, os venres, desde marzo. Neste caso, a actividade será desde as 19.30 ás 21.30 horas. No obradoiro, as e os deseñadores recibirán apoio para desenvolver os seus proxectos no FabLab do centro municipal (30 prazas).
Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal