Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Centro Ágora.

O Centro Ágora da Coruña acollerá un obradoiro de mapeo de innovación veciñal

Versión para impresiónSend by email
A Coruña, 03/12/18 (11:07)

O Centro Ágora será en decembro unha cita para os seareiros e profesionais das ferramentas tecnolóxicas que conflúen e interactúan co social, o xeográfico, o participativo e o cartográfico. Estamos a falar do obradoiro Mapeo, cartografía de colectivos e iniciativas cidadás, que se celebra os días 14 e 15 no devandito centro coruñés. Trátase, en palabras do Concello, dun taller de balde e aberto que busca poñer no mapa (e nos móbiles) e mostrar as iniciativas de innovación impulsadas a día de hoxe pola veciñanza do termo municipal. 

O taller, promovido polo proxecto Innovación Ciudadana da Secretaría General Iberoamericana, conta co apoio da Concellería de Participación e Innovación Democrática a través do Laboratorio Cidadán da Coruña. Segundo explicou a concelleira Claudia Delso, a actividade prosegue a amplia liña de traballo do Co-Lab, o laboratorio cidadán coruñés, e pretende salientar as experiencias, espazos e iniciativas urbanas de innovación que nacen da propia acción dos residentes da Coruña. 

Segundo explicou, o obradoiro tamén abordará a aplicación dos obxectivos de desenvolvemento sustentable na cidade a través das propostas veciñais. Isto farase tanto no plano analóxico (mediante o taller de mapeo) e no dixital (incluíndo os proxectos na plataforma interactiva CIVICS, que pretende xerar unha cartografía global destas prácticas para artellar colaboracións internacionais e que acubilla xa máis de 4.000 accións sociais localizadas en 30 concellos de toda Iberoamérica). 

O Taller de Mapeo desenvolverase na tarde do venres 14, de 16.00 a 20.00 horas, e o sábado 15 de 10.00 a 14.00 horas. Para máis información e inscricións, pódese visitar a web de Innovación Cidadá.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal