
O Centro Ágora será en decembro unha cita para os seareiros e profesionais das ferramentas tecnolóxicas que conflúen e interactúan co social, o xeográfico, o participativo e o cartográfico. Estamos a falar do obradoiro Mapeo, cartografía de colectivos e iniciativas cidadás [3], que se celebra os días 14 e 15 no devandito centro coruñés. Trátase, en palabras do Concello, dun taller de balde e aberto que busca poñer no mapa (e nos móbiles) e mostrar as iniciativas de innovación impulsadas a día de hoxe pola veciñanza do termo municipal.
O taller, promovido polo proxecto Innovación Ciudadana da Secretaría General Iberoamericana, conta co apoio da Concellería de Participación e Innovación Democrática a través do Laboratorio Cidadán da Coruña. Segundo explicou a concelleira Claudia Delso, a actividade prosegue a amplia liña de traballo do Co-Lab [4], o laboratorio cidadán coruñés, e pretende salientar as experiencias, espazos e iniciativas urbanas de innovación que nacen da propia acción dos residentes da Coruña.
Segundo explicou, o obradoiro tamén abordará a aplicación dos obxectivos de desenvolvemento sustentable na cidade a través das propostas veciñais. Isto farase tanto no plano analóxico (mediante o taller de mapeo) e no dixital (incluíndo os proxectos na plataforma interactiva CIVICS, que pretende xerar unha cartografía global destas prácticas para artellar colaboracións internacionais e que acubilla xa máis de 4.000 accións sociais localizadas en 30 concellos de toda Iberoamérica).
O Taller de Mapeo desenvolverase na tarde do venres 14, de 16.00 a 20.00 horas, e o sábado 15 de 10.00 a 14.00 horas. Para máis información e inscricións, pódese visitar a web de Innovación Cidadá [5].
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_9575.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.coruna.gal/portal/gl/concello/noticias/detalle-novas/o-laboratorio-cidadan-da-coruna-promove-un-taller-para-elaborar-un-mapa-de-iniciativas-de-innovacion/suceso/1453676820746
[4] http://colab.coruna.gal/
[5] https://www.innovacionciudadana.org/taller-de-mapeo-e-las-iniciativas-ciudadanas-de-a-coruna/