Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Participantes no cuarto Scratch Day.

O CPETIG derruba fendas dixitais de idade e de xénero no seu cuarto Scratch Day

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 23/10/18 (11:11)

Este sábado celebrouse na Cidade da Cultura unha cita de gran relevancia para construírmos tecnoloxía en familia e para mostrar a importancia de sermos deseñadoras e programadoras de software, hardware e robótica dende a nenez. Estamos a falar da cuarta edición do Scratch Day, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), xunto con AMTEGA. A nova entrega da xornada contou coa participación de trinta nenas e nenos e das súas familias. Todas e todos tiveron ocasión de mostrar (e exercitar) o seu talento para, neste caso concreto, programar videoxogos de naves especiais. 

A formación do IV Scratch Day foi impartida pola Asociación Programamos, dedicada a promover o desenvolvemento do pensamento computacional en todas as etapas escolares, a través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles. Segundo informaron, a sesión serviu para difundir os valores da programación informática entre os pequenos da casa, aínda que tamén entre os maiores, facilitando o acceso ao mundo da programación “de maneira lúdica e divertida”. 

O CPETIG engadiu que a cita tamén cumpriu o obxectivo de axudar a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a nenez os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e reducindo a fenda dixital (reflectida nunha maior presenza masculina nas carreiras STEM) que separa as rapazas dos rapaces en materia tecnolóxico-dixital e científica. 


O CPETIG organizou esta formación no contexto da familia por considerar “decisiva a implicación dos pais e as nais”, como “apoio e motivación” para que a rapazada se sinta atraída cara á programación informática, de xeito que esta actividade non sexa unha excepción, senón “o principio dun labor a seguir no fogar”.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal