Galicia contará en novembro con cinco novas Lanzadeiras de Emprego, palestras de formación postas en marcha pola Fundación Santa María La Real, a Fundación Telefónica e a Xunta. Segundo informa a operadora de telecomunicacións, a través desta iniciativa apoiarase a un centenar de persoas en desemprego, poñendo o foco nos coñecementos tecnolóxicos, empresariais e de xestión que lles axudarán a mellorar os seus currículos. As novas academias estarán na Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Santiago de Compostela.
Este cinco novas lanzadeiras súmanse ás 15 desenvolvidas en 2016 e 2017, experiencias previas que segundo informan as entidades impulsoras saldáronse con “bos resultados”, xa que o 60% dos 400 participantes modificaron a súa situación laboral, xa fóra con emprego por conta propia ou allea.
Desta volta, como novidade, a iniciativa non estará destinada exclusivamente á mocidade, senón que a súa participación ábrese a persoas en situación de desemprego con idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos. Poderán ter calquera nivel de estudos e proceder de calquera sector laboral.
As persoas interesadas en participar nesta iniciativa, que conta con co-financiamento do Fondo Social Europeo dentro do programa operativo POISES, dispoñen até o 31 de outubro para presentar a súa inscrición na web das Lanzadeiras e nas Oficinas de Emprego habilitadas nas cinco cidades.
Estes acubillos de formación comezarán a funcionar a mediados novembro con 20 prazas cada unha. As vinte persoas que resulten seleccionadas en cada cidade, reuniranse varios días á semana en locais cedidos de balde pola Xunta de Galicia. Coa guía e orientación dun técnico especializado da Fundación Santa María La Real, levarán a cabo diversas actividades para optimizar a súa procura de traballo: talleres de intelixencia emocional, dinámicas de comunicación, marca persoal e procura de emprego 2.0; adestramento de entrevistas de traballo; elaboración de mapas de empregabilidade e visitas a empresas.
Rexístrate como: