A feira de innovación e emprendemento Pont-Up Store, que se celebra entre o 20 e o 22 de setembro en Pontevedra, servirá entre outras moitas cousas para “presentar as liñas de negocio con máis potencial de medre en Galicia”mostrando o noso pulo creativo en comida do futuro, tecnoloxía que nos soluciona a vida, videoxogos, proxectos con repercusión social, coidado de animais, turismo colaborativo ou cosmética orgánica de autor.
A feira de innovación e emprendemento Pont-Up Store, que se celebra entre o 20 e o 22 de setembro en Pontevedra, segue a quecer motores. Segundo vén de confirmar hoxe a organización do evento (o Campus e o Concello de Pontevedra), este servirá entre outras moitas cousas para “presentar as liñas de negocio con máis potencial de medre en Galicia”. Ou sexa, para mostrar o noso pulo creativo en comida do futuro, tecnoloxía que nos soluciona a vida, videoxogos, proxectos con repercusión social, coidado de animais, turismo colaborativo ou cosmética orgánica de autor. Todo isto e máis virá da man das preto de 50 empresas que participan na quinta edición da feira.
A organización tamén lembrou que o encontro celebrarase en Pontevedra na carpa instalada na Praza de España de Pontevedra e con máis de 40 actividades programadas en distintos puntos da cidade. Ademais, as novas tecnoloxías serán un dos grandes piares do acontecemento.
Serán en total 45 empresas participantes combinando nalgúns casos varias modalidades de participación: 37 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus produtos, ideas e servizos; 10 concorrerán no formato talent bussiness Puntazo Exprés e outras 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas do espazo central da carpa, desenvolvendo propostas como un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un obradoiro de lectura con cans, un taller de robótica para aprender a montar un stick arcade basado en Raspberry PI, un torneos de videoxogos, unha introdución ás técnicas de pigmentación prehistórica, unha demostración de receitas saudábeis ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo.
Gastronomía e tecnoloxías
Unha das grandes apostas do evento vén da man da gastronomía ligada a procesos tecnolóxicos. Neste eido, a empresa viguesa EXGA3D mostrará a súa experiencia empregando a impresión 3D para deseñar e personalizar alimentos que en palabras da organización “sorprenden e poden achegar solucións ao mundo da saúde”. Por exemplo a través da elaboración de pílulas médicas con formas e sabores de froitas ou doces, ou peixe para a cativada con formas máis divertidas e gorentosas. Os responsábeis de EXGA3D ofrecerán un obradoiro para ensinarnos a imprimir a nosa propia comida. Tecnoloxía para facilitarnos o día a día
Segundo explican os organizadores de Pon-Up Store, esta quinta edición do encontro destaca especialmente polas empresas de ámbito tecnolóxico que achegan solucións de éxito para unha manchea de sectores. Nesta liña encádrase Muutech, unha startup viguesa enfocada a desenvolver sistemas de información que se empregan para facer seguimento dos procesos máis complexos, sobre todo da industria do motor e de loxística de distribución.
Outra empresa que se empraza neste eido é Edilicia BIM, que está a traballar nun dos negocios con máis futuro, a tecnoloxía BIM, unha metodoloxía de traballo para xestionar datos e corrixir erros en grandes infraestruturas e proxectos de edificación que xa se emprega con éxito nos países nórdicos e anglosaxóns e que se prevé que sexa de uso obrigado en España para licitacións de infraestruturas públicas en xullo de 2019.
A empresa de Lugo Data Monitoring, pola súa banda, desenvolve dispositivos e software para seguir en remoto procesos industriais achegando as vantaxes da Industria 4.0, a industria intelixente, a todos os sectores. Xtonebox sorprende recuperando a antiga tecnoloxía de válvulas para fabricar de xeito artesanal equipos de audio de gran calidade. O Taller 7 MakerSpace fabrica prototipos a medida empregando a tecnoloxía de impresión 3D e pon o seu talle a disposición dos clientes para que materialicen as súas ideas. WinboxApp propón unha plataforma para poñer en contacto directo a compradores e vendedores sen intermediarios; unha alternativa para aforrar buscas e para resolver anuncios de venta empregando unha soa aplicación. Dronalia, pola súa banda, oferta un amplo abano de solucións de dron con venta directa, cursos e servizos para diferentes sectores e necesidades.
Rexístrate como: