Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Nenos nunha aula da Tecnópole.

A Tecnópole dá unha viraxe á súa formación para escolares con STEAM Kids

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 23/08/18 (10:19)

A Tecnópole de Ourense (o Parque Tecnolóxico de Galicia) aproveitou este mes de agosto, preludio do ano académico, para presentar a súa nova estratexia formativa para os de menores idades: a estratexia STEAM Kids Tecnópole. Trátase dunha fórmula que, como se indica no seu nome, apóiase en cinco piares: os ámbitos da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría, a arte e as matemáticas (disciplinas que constitúen o acrónimo inglés STEAM). A maiores, engádese outro ámbito fundamental: o da nosa comunidade escolar (nenas e nenos de entre 8 e 11 anos). Entre un e outro eido, a Tecnópole quere achegar a súa experiencia e fomentar ao máximo a interactividade e a participación activa. 

A idea básica é facer que a rapazada participe unha vez á semana no programa de habilidades de innovación de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole. O prazo de inscrición abre o 1 de setembro cunha cota limitada de 24 asistentes. Baixo o nome STEAM Kids Tecnópole, esta nova proposta substitúe as anteriores Aulas Robótica para, en palabras do parque tecnolóxico, ofrecer aos máis novos “unha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía dende unha óptica artística e creativa”. Respecto do acrónimo que lle dá nome á iniciativa (compendio de Science, Technology, Engineering, Arts and Mathematics), a Tecnópole lembra que a idea é centrarse nestas aprendizaxes para “ensinar ao alumnado a pensar de forma crítica e aproximarse á enxeñería ou ao deseño dunha maneira realista mentres constrúen as súas habilidades matemáticas e científicas”.

A organización tamén fai saber que os escolares, nas accións previstas, levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots programables, aprenderán a programar, farán voar drons, deseñarán instalacións artísticas de alicerce tecnolóxico, superarán retos interdisciplinares e descubrirán a maxia das matemáticas. O referente inspirador da Tecnópole para esta nova proposta son entidades que apostan por innovar na educación tales como o Tinkering Studio do Exploratorium de San Francisco, que segundo lembra o parque tecnolóxico propón “potenciar o desenvolvemento intelectual e humano dos máis novos a través de actividades que combinan diferentes disciplinas”. A maiores, para mozas e mozos de 12 a 18 anos, o programa de habilidades innovadoras de escolares de Parque Tecnolóxico de Galicia complétase un curso máis coas Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa novena edición. Dende outubro ata maio, cada xoves pola tarde acollerán un grupo formado por un máximo de 45 alumnos e alumnas. Os seus ámbitos de traballo estarán abertos a todas as áreas do coñecemento, dende as novas tecnoloxías ata as ciencias ou as humanidades. Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal