Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Participantes no curso.

Os maiores de Pantón métense de cheo no uso do móbil

Versión para impresiónSend by email
Pantón, 28/06/18 (12:37)

Esta semana proseguen as actividades formativas no rural da Fundación TIC da Deputación de Lugo, fornecendo á xente de idade de recursos tecnolóxico-dixitais de utilidade para o seu día a día e para os seus labores cotiáns. Este mércores, o vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo e o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, visitaron aos alumnos do curso gratuíto que imparte a Fundación TIC no local social de Santiago de Cangas en Pantón. O obradoiro de novas tecnoloxías céntrase en achegar claves para o manexo e uso de móbil. 

Fernández Queipo dixo que “desde o Goberno da Deputación traballamos polo noso rural e promovemos iniciativas que melloran a calidade de vida dos nosos veciños co obxectivo, entre outros, de facer fronte ao despoboamento”. Segundo engadiu, “as novas tecnoloxías representan un papel moi importante, polo que seguiremos promovendo o seu uso entre os nosos maiores para facilitar o seu día a día e o contacto cos seus familiares e amigos”.

O vicepresidente tamén salientou “o éxito que están a ter estes cursos formativos, tal e como constatamos nos que xa levamos impartidos en Navia de Suarna, Foz, Xermade, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada, entre outros concellos da nosa provincia”. Isto, dixo, “demostra o interese que hai por parte dos maiores sobre a utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”. Os cursos na provincia son sobre o uso do móbil e Internet, as materias máis demandadas polos usuarios do InLugo da TIC.

En total, este segundo trimestre achéganse 1.085 prazas nas 81 accións formativas que imparte a entidade, tanto na sede de seu como na provincia. Segundo explica o Goberno provincial, esta cifra supón un incremento do 60% con respecto á tempada anterior.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal