
Esta semana proseguen as actividades formativas no rural da Fundación TIC da Deputación de Lugo [3], fornecendo á xente de idade de recursos tecnolóxico-dixitais de utilidade para o seu día a día e para os seus labores cotiáns. Este mércores, o vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo e o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, visitaron aos alumnos do curso gratuíto [4] que imparte a Fundación TIC no local social de Santiago de Cangas en Pantón. O obradoiro de novas tecnoloxías céntrase en achegar claves para o manexo e uso de móbil.
Fernández Queipo dixo que “desde o Goberno da Deputación traballamos polo noso rural e promovemos iniciativas que melloran a calidade de vida dos nosos veciños co obxectivo, entre outros, de facer fronte ao despoboamento”. Segundo engadiu, “as novas tecnoloxías representan un papel moi importante, polo que seguiremos promovendo o seu uso entre os nosos maiores para facilitar o seu día a día e o contacto cos seus familiares e amigos”.
O vicepresidente tamén salientou “o éxito que están a ter estes cursos formativos, tal e como constatamos nos que xa levamos impartidos en Navia de Suarna, Foz, Xermade, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada, entre outros concellos da nosa provincia”. Isto, dixo, “demostra o interese que hai por parte dos maiores sobre a utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”. Os cursos na provincia son sobre o uso do móbil e Internet, as materias máis demandadas polos usuarios do InLugo da TIC.
En total, este segundo trimestre achéganse 1.085 prazas nas 81 accións formativas que imparte a entidade, tanto na sede de seu como na provincia. Segundo explica o Goberno provincial, esta cifra supón un incremento do 60% con respecto á tempada anterior.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8882.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.fundaciontic.org/
[4] http://www.deputacionlugo.org/portal_localweb_ag/p_20_contenedor1.jsp?seccion=s_fnot_d4_v1.jsp&contenido=36757&tipo=8&nivel=1400&layout=p_20_contenedor1.jsp&level=1