A Deputación da Coruña está a encher as redes de vídeos contra a discriminación e a violencia de xénero. Se os días pasados presentouse dende a entidade provincial o vídeo Son Muller, a través do que as rapazas integrantes do grupo MBCP (Máis Boas Cás Patacas) acadaron xa 30.000 visualizacións no Facebook de seu, esta semana a entidade provincial (a través das áreas de Igualdade e Cultura) impulsa unha nova peza contra a violencia machista. Trátase da curta O Túnel, elaborada polo IES Moncho Valcarce das Pontes e gañadora do Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero.
A Deputación salientou que tanto o videoclip de MBCP como a curtametraxe están feitos por mozas e mozos e diríxense, en especial, ao público da súa idade, “con linguaxe propia da súa xeración”. Amais de nas redes, a Deputación está a distribuír estas pezas por todos os centros de ensino co fin de contribuír á loita contra a discriminación e o maltrato, coincidindo estas campañas co Día Internacional contra a Violencia Machista, este 25 de novembro. A entidade provincial tamén informou de que tanto o videoclip como a curtametraxe poderán ser empregados como ferramentas educativas nos centros de ensino para concienciar ao alumnado na loita contra o machismo. Por certo que a curtametraxe O Túnel pódese ver xa no YouTube, e o videoclip Son Muller segue dispoñible no Facebook da banda e máis en Google Drive, dende o que se pode descargar.
Rexístrate como: