Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Portada do conto.

Conto interactivo sobre o alzheimer

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 25/09/17 (12:14)

Os Laboratorios Cinfa e a Confederación Española de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras Demencias (CEAFA), uníronse para lanzar un conto interactivo sobre esta enfermidade, no marco do Día Mundial do Alzheimer, que se conmemora o 21 de setembro.

Co obxectivo de sensibilizar á sociedade e ao público infantil acerca deste trastorno neurodexenerativo, así como de normalizar os síntomas e necesidades asociadas a el, a produtora dixital Caring Books, en colaboración con CEAFA e o laboratorio, creou un relato didáctico e interactivo para menores de entre 3 e 6 anos, en formato app.

A historia, titulada ‘Bruno & Pumballoo: a canción do Sr. Isamu', está protagonizada polos personaxes habituais destes relatos animados: un neno que padece unha alerxia alimentaria, un camaleón e uns seres máxicos que axudan a calquera persoa con algunha enfermidade, trastorno ou circunstancia especial. Ademais, este conto concreto presenta ao Sr. Isamu, un prestixioso cantante de ópera chinesa, avó de dous dos protagonistas, e que se atopa afectado pola enfermidade de Alzheimer. A pesar de que durante a historia o ancián sofre perdas de memoria e descoidos, finalmente, coa axuda e o agarimo dos seus familiares e amigos, é capaz de interpretar a súa canción favorita ante todos os nenos do campamento.

Ademais desta historia interactiva, a app tamén contén un material explicativo dirixido aos máis pequenos para que entendan que é o Alzheimer e como é posible axudar a quen o sofre. Así, dunha maneira sinxela e comprensible para eles, esta iniciativa mostra a importancia que ten a contorna próxima do paciente e achega aos nenos algúns consellos que eles mesmos poden poñer en práctica á hora de convivir cun familiar afectado por este tipo de demencia.

Como este relato, todos os contos da serie “Bruno & Pumballoo” baséanse en contidos educativos dirixidos a menores e mostran situacións do día a día de nenos e persoas de todas as idades que padecen algunha patoloxía, discapacidade ou se atopan en risco de exclusión social. As súas historias multilingües –castelán, inglés e francés- traballan valores como a amizade, a solidariedade e a inclusión, mediante un deseño divertido e interactivo. Creados en 2014, os contos xa trataron temas como a leucemia, a diabetes infantil ou o autismo.

É posible acceder a todas as historias de forma gratuíta descargando a app “Bruno & Pumballoo” en Google Play e Apple Store, xa que está ideada para móbiles ou dispositivos electrónicos como tablets. Ademais, pódese descargar tanto o conto en formato PDF como os materiais complementarios nos links de máis abaixo, na web de CEAFA, e na de Caring Books.

Conto interactivo sobre o Alzheimer

Tema: Xeral
Fonte: Cinfasalud
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal