
Os Laboratorios Cinfa e a Confederación Española de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras Demencias (CEAFA) [3], uníronse para lanzar un conto interactivo sobre esta enfermidade, no marco do Día Mundial do Alzheimer, que se conmemora o 21 de setembro.
Co obxectivo de sensibilizar á sociedade e ao público infantil acerca deste trastorno neurodexenerativo, así como de normalizar os síntomas e necesidades asociadas a el, a produtora dixital Caring Books [4], en colaboración con CEAFA e o laboratorio, creou un relato didáctico e interactivo para menores de entre 3 e 6 anos, en formato app.
A historia, titulada ‘Bruno & Pumballoo: a canción do Sr. Isamu', está protagonizada polos personaxes habituais destes relatos animados: un neno que padece unha alerxia alimentaria, un camaleón e uns seres máxicos que axudan a calquera persoa con algunha enfermidade, trastorno ou circunstancia especial. Ademais, este conto concreto presenta ao Sr. Isamu, un prestixioso cantante de ópera chinesa, avó de dous dos protagonistas, e que se atopa afectado pola enfermidade de Alzheimer. A pesar de que durante a historia o ancián sofre perdas de memoria e descoidos, finalmente, coa axuda e o agarimo dos seus familiares e amigos, é capaz de interpretar a súa canción favorita ante todos os nenos do campamento.
Ademais desta historia interactiva, a app tamén contén un material explicativo dirixido aos máis pequenos para que entendan que é o Alzheimer e como é posible axudar a quen o sofre. Así, dunha maneira sinxela e comprensible para eles, esta iniciativa mostra a importancia que ten a contorna próxima do paciente e achega aos nenos algúns consellos que eles mesmos poden poñer en práctica á hora de convivir cun familiar afectado por este tipo de demencia.
Como este relato, todos os contos da serie “Bruno & Pumballoo” baséanse en contidos educativos dirixidos a menores e mostran situacións do día a día de nenos e persoas de todas as idades que padecen algunha patoloxía, discapacidade ou se atopan en risco de exclusión social. As súas historias multilingües –castelán, inglés e francés- traballan valores como a amizade, a solidariedade e a inclusión, mediante un deseño divertido e interactivo. Creados en 2014, os contos xa trataron temas como a leucemia [5], a diabetes infantil [6] ou o autismo. [7]
É posible acceder a todas as historias de forma gratuíta descargando a app “Bruno & Pumballoo” en Google Play e Apple Store, xa que está ideada para móbiles ou dispositivos electrónicos como tablets. Ademais, pódese descargar tanto o conto en formato PDF como os materiais complementarios nos links de máis abaixo, na web de CEAFA [3], e na de Caring Books [8].
Conto interactivo sobre o Alzheimer [9]
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_7488.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.ceafa.es/
[4] http://caring-books.com/
[5] https://www.cinfasalud.com/areas-de-salud/sintomas-y-enfermedades/leucemia/
[6] https://www.cinfasalud.com/areas-de-salud/bebes-y-ninos/diabetes-infantil/
[7] https://www.cinfasalud.com/areas-de-salud/vivir-con/autismo/
[8] http://www.caring-books.com/material-educativo-y-actividades/
[9] https://www.cinfasalud.com/wp-content/uploads/2017/09/Cuento-Alzheimer-ESP.pdf