Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel dos cursos.

Redondela achega unha manchea de cursos TIC para maiores de 16 anos

Versión para impresiónSend by email
Redondela, 08/09/17 (11:03)

Entre os Concellos galegos que nesta tempada se están a mostrar máis activos en divulgación e formación TIC atópase o de Redondela. Se hai uns días falamos das propostas de achegamento ás tecnoloxías avanzadas que propón o espazo Startupvila na Casa da Cultura local (con Daniel Cerqueiro achegando un obradoiro de mercadotecnia dixital, David Pombar expoñendo a súa experiencia en SetPay, e Paloma Barreiro fornecendo de recursos para coñecer ao cliente), un pouco máis tarde o Departamento de Novas Tecnoloxías que dirixe Julio Mougán presentou o programa de cursos de balde dirixidos a persoas maiores de 16 anos. Desenvolverase entre o 11 de setembro e o 14 de decembro nas dúas aulas CeMIT coas que conta o Concello: en Redondela e en Chapela. Artellaranse en tres bloques, cada un deles acubillando cursos específicos. 

A continuación damos conta das actividades, que xa teñen aberto o prazo de inscrición: 

Primeiro bloque: Alfabetización informática e actividades dixitais básicas

  • Iniciación á informática e Internet para adultos, cunha duración de 24 horas lectivas impartíndose en Redondela e Chapela a razón de dúas horas diarias durante un total de 12 días nos meses de setembro e outubro.
  • Informática e internet para adultos, tamén de 24 horas, dúas horas diarias durante 12 días. Este curso tamén impartirase nos meses de setembro e outubro nas dúas Aulas CeMIT de Chapela e Redondela. 
  • Mecanografía. Curso de 24 horas que se impartirá so na aula de Redondela nos meses de outubro e novembro a razón de dúas horas diarias durante 12 días. 
  • Informática e Internet para maiores de 60. Na aula de Redondela durante os meses de outubro e novembro. O curso tamén é de 24 horas con dúas horas diarias durante 12 días. 
  • Contabilidade financeira. Curso que se impartirá na aula CeMIT de Redondela no mes de novembro. Ten 14 horas lectivas a razón de dúas horas durante 7 días. 
  • Windows 7. Curso intensivo de 16 horas que se desenvolverá a razón de catro horas diarias en 4 días. Terá lugar tanto en Chapela como en Redondela durante o mes de novembro.

Segundo bloque: Procura de emprego e TIC

  • Deseño de currículos e cartas de presentación. Iniciativa de catro horas de duración a desenvolver nunha única xornada na aula de Redondela. 
  • Procura de emprego en Internet. Curso de catro horas, con dúas edicións en setembro e decembro, que se desenvolverá durante 4 horas nun só día na aula CeMIT de Redondela. 
  • Aplicacións móbiles (apps) para a procura de emprego. Curso de 4 horas a desenvolverse nun só día na aula de Redondela e durante o mes de decembro.

Terceiro bloque: Formación dirixida sobre todo a entidades sen ánimo de lucro: asociacións, ONG...

  • PhotoShop Básico. 
  • Edición de video con MovieMaker. 
  • Presentacións de alto impacto con Prezi. 
  • Redes Sociais para uso persoal.
Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal