Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Formación Cogami - Fundación Vodafone España.

A formación TIC de COGAMI acada unha taxa de inserción laboral do 52%

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 06/09/17 (10:27)

A organización galega COGAMI vén de facer balance dos éxitos acadados a través do seu programa de emprego para persoas con diversidades financiado a través da Fundación Vodafone España, máis concretamente a través do programa de inserción Participa coa dis-capacidade, impulsado pola operadora para loitar contra a exclusión social e laboral a través das novas tecnoloxías da información (recursos para atopar emprego, mellorar currículo e rendibilizar as capacidades de cada quen). O programa, que se iniciou coa entrada de 2017 e que remata co ano, cumpriu e mesmo superou as expectativas da área de emprego de COGAMI, que eran de acadar unha taxa de inserción do 49% sobre o total das persoas participantes (150). As cifras finalmente conseguidas roldan xa o 52%. Ou sexa, 78 persoas inseridas. 

Polo que respecta ás persoas que se están a beneficiar da iniciativa teñen perfís semellantes e comparten alicerces de partida: son homes e mulleres en risco de exclusión social e laboral, con diversidades funcionais ou cognitivas e sen contrato laboral previo. Segundo o lugar do que proceden, 24 dos participantes son de A Coruña, outras 24 son de Santiago Compostela, 18 de Ferrol, 18 de Lugo, 19 de Ourense, 22 de Pontevedra e 25 proceden de Vigo. Sete orientadores laborais, situados nas oficinas que COGAMI ten abertas nas principais cidades galegas, son os que se encargan de valorar e avaliar as potencialidades e capacidades de cada unha das persoas participantes no programa e a súa motivación. Amais de asesoramento, o programa ofrece información, formación e capacitación en TIC baseadas en soportes, equipamentos, tecnoloxías e software adaptados, co “propósito de facilitar a busca de emprego e poder acceder ao mercado laboral”. Para isto, desenvolvéronse 5 obradoiros grupais explicativos (encamiñando aos participantes na busca dunha actividade laboral) nos que participaron 102 persoas do programa; xestionáronse 33 prácticas en empresas; impartíronse obradoiros sobre novas tecnoloxías nos que participaron 105 persoas; asesorouse na elaboración do curriculum 2.0 ou audiovisual dende a preparación do guión ata a presentación e gravación; impartíronse 11 círculos de emprego (compartindo experiencias e estratexias seguidas durante a busca de emprego) e, por último, impartiuse formación para explicar as ferramentas ou aplicacións móbiles que existen especializadas na busca de emprego e que se poden descargar nun smartphone.

Por outra banda, visitáronse 176 empresas novas, fíxose seguimento a 243 firmas coas que xa se mantén o contacto. Finalmente, abríronse un total de 427 ofertas de emprego.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal