Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Programación arrastrando bloques en Wonder Woman.

Wonder Woman anima ás nenas a aprender a programar

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 06/06/17 (10:24)

A iniciativa Code.org aproveita en numerosas ocasións as franquías cinematográficas para facer máis atractivas as súas actividades aos nenos, a quen busca introducilos no mundo da programación informática mediante xogos nos que ter que solucionar quebracabezas mediante a colocación de pezas que realmente son elementos lóxicos que axudan a entender os rudimentos da programación dun xeito divertido, e así, ao igual que no seu día fixeron uso dos personaxes de Star Wars para introducir á programación, agora fan o mesmo con Wonder Woman.

Este proxecto promovido por Google conseguiu chegar a un acordo coa Warner para poder coller a figura de Wonder Woman, que estes días está a estrear filme en pantalla grande (que xa pode verse en EE.UU., Reino Unido e Portugal), para protagonizar unha serie de retos de programación que premiarán cun anaco de vídeo da película cando se superan. A estrea cinematográfica de Wonder Woman está a considerarse como un caso de reivindicación da figura feminina dende moitos ángulos, pois estamos ante unha das poucas superheroínas que conseguiu chegar aos cines cunha produción de seu, presenta a unha muller como un personaxe forte que non ten que recorrer a unha figura masculina na busca de protección e incluso conseguiu superar a pasada fin de semana converténdose na estrea cinematográfica dirixida por unha muller coa maior recadación da historia. Todos estes elementos danlle un valor especial, e aí que este proxecto interactivo para a aprendizaxe de programación informática considere que o uso de Wonder Woman é ideal para atraer ás nenas a dar os seus primeiros pasos coa programación.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal