Santiago de Compostela,
05/04/17 (12:23)
O próximo 27 de abril de 2017 é o Día Internacional das rapazas nas TIC, e no CESGA celébrano por todo o alto.
Non sabedes o que é o día das Rapazas nas TIC? É unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. Aquí está toda a información do movemento a nivel internacional.
O programa será moi completo. Pola mañá, ás 11:00 h. celebrarán un coloquio virtual dende os centros educativos por multiconferencia con 4 destacadas galegas emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC, ás que o alumnado participante dos centros galegos de secundaria poderá coñecer o seu día a día, preguntar calquera dúbida sobre este eido profesional ou as motivacións persoais que as levaron a traballar neste eido. A duración da actividade será de unha hora e media, ata ás 12:30.
Participantes
- Carmen Cotelo Queijo. Licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa dende 1999 no Centro de Supercomputación de Galicia, onde é analista informática senior e coordina a participación do CESGA no proxecto europeo Fortissimo 2. Ten unha longa experiencia en proxectos de I+D en diferentes ámbitos como: comercio electrónico, computación de altas prestacións e grid, aplicacións científicas e soporte a empresas para a incorporación de HPC aos seus procesos.
- Nieves R. Brisaboa. Doutora en Computación e Psicoloxía. Catedrática da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, creou en 1996 o Laboratorio de Bases de Datos (LBD) declarado grupo de investigación de excelencia pola Xunta de Galicia. Foi xestora do Plan Nacional de investigación en Informática entre 2010 e 2014. Recibiu no 2016, do Colexio de Enxeñaría de Informática, o premio Ada Byron, pola promoción da Informática entre as mulleres. Impulsa tanto a investigación de excelencia como a transferencia de tecnoloxía.
- Alba Alonso, doutora en filoloxía inglesa e mestra, emprendedora e fundadora da empresa RealKiddys.com, unha plataforma que promove un proxecto educativo de igualdade de xénero e coeducación sen estereotipos, elaborando material e actividades para traballar neste eido. Entre outras iniciativas, relatora no TEDxGalicia 2015.
- María Jesús Taboada, doutora en Ciencias Físicas pola USC. Investigadora en intelixencia artificial e as súas aplicacións na medicina dende o departamento de Electrónica e Computación da USC. Dirixe o grupo de investigación KEAM (Knowledge Engineering Applied to Medicine), referente a nivel internacional no seu eido.
Para participar no evento da mañá dende os centros educativos, hai que poñerse en contacto co CESGA neste formulario para dar as instruccións para conectar con eles ese día.
Pola tarde (de 17:00 a 19:00 h.), celebrarán unha xornada de portas abertas con actividades para rapazas (e rapaces!) de entre 10 a 14 anos. Haberá obradoiros para experimentar un pouco sobre:
- Programación básica con Scratch e LEGO
- Creación de booktrailers (trailers en vídeo sobre libros, no marco do concurso educativo de creación de Booktrailers)
- Creación de arte píxel-dixital
- Demostracións prácticas de impresión 3D, robótica, realidade aumentada, Makey-makey, etc…
- Visitas guiadas ao corazón do Superordenador Finis Terrae 2
Non volo perdades! As prazas son limitadas. Para inscribirse hai que cubrir este formulario para dar o nome e confirmar a praza antes do día 25 de abril.
Pódese seguir toda a información do evento e das actividades na web do CESGA ou en:
Tema: Xeral
Fonte:
CESGA