Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Centro Municipal de Coñecemento La Molinera (Aula CeMIT).

La Molinera de Ourense achega un abril tecnolóxico para nenos e maiores

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 05/04/17 (10:45)

O Centro Municipal de Coñecemento La Molinera (aula CeMIT), emprazado en Ourense, vén de presentar o seu programa de actividades de divulgación TIC para o mes de abril, un programa interxeracional moi acaido para quen queira dar os seus primeiros pasos no ámbito tecnolóxico e, tamén, para quen xa conte con formación previa. Para os primeiros, o roteiro formativo de abril (unha proposta para todos os públicos) incluirá un obradoiro de iniciación á informática, que se desenvolverá de luns a venres, de 9.30 a 11,30 horas, desde o día 17 ata o 25. As persoas interesadas poderán inscribirse desde o día 10. Tamén este mes impártese obradoiro Compra de forma segura en Internet, os días 3, 4 e 6 de abril, de 9,30 a 11,30h.

O programa Xoves inspiradores incorpora como novidade un obradoiro de marca persoal, previsto para o día 27, de 18,20 a 20,30 horas, e impartido por Patricia Vázquez e Alba Moretón. Tamén ao abeiro deste programa, continuará o día 6 o Obradoiro de argumentación e debate que imparte Aida González, campioa do mundo de debate universitario en español 2016.

Outra das accións novas é o taller Re-creando: Novas tecnoloxías aplicadas á arte, os días 21 e 28 de abril pola tarde, para nenos e nenas de 10 a 16 anos. Por outra banda, está programada unha sesión de fotografía para emprendedores prevista para o día 28 de abril. As persoas interesadas poden inscribirse nas actividades páxina web www.lamolinera.net, ou solicitar máis información no centro municipal emprazado no número 1 da rúa Abrevadeiro, 1 (teléfono 988 374 523).

Por certo que este mes tamén proseguirán nas instalacións ourensás tres obradoiros de axuda aos nosos profesionais e desenvolvedores: un de introdución á tecnoloxía open source Arduino, outro de electrónica básica para robótica e outro de asesoramento de proxectos. Na vertente para crianzas proseguen Arquimakers-kids: crear para pensar e Team makers kids: robótica – apps.

O programa de abril complétase co obradoiro de educación emocional Akademia, para mozos de 16 a 22 anos, e o curso de fotografía do programa municipal Universidade Popular.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal