Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Convocatoria de proxectos - Solucións dixitais para o autismo.

Fundación Orange abre unha nova convocatoria para apoiar solucións dixitais para autismo

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 15/03/17 (09:38)
  • A Fundación Orange impulsa economicamente proxectos tecnolóxicos creativos e innovadores con respostas ás necesidades das persoas con autismo e a súa contorna, mellorando a súa calidade de vida
  • O prazo de presentación é ata o 14 de maio

A Fundación Orange abriu a terceira edición da súa “Convocatoria de proxectos - Solucións dixitais para o autismo”. A convocatoria, destinada a entidades españolas e proxectos de carácter nacional, ten como finalidade o apoio a novas solucións tecnolóxicas, creativas e innovadoras, que ofrezan unha resposta pragmática ás necesidades das persoas con autismo e da súa contorna (familias, profesionais, etc.) mellorando a súa integración social e a súa calidade de vida.

Na recepción de propostas, a Fundación Orange estudará o apoio a propostas de proxectos tecnolóxicos para calquera sistema operativo e hardware existente, así como sitios web. Inclúense por exemplo, iniciativas cuxo resultado sexan: xogos, contos e lecer educativo; solucións para a aprendizaxe (educación, habilidades sociais, etc.); propostas para adultos e tránsito á vida adulta; programas para as familias (irmáns, pais, etc.); sensibilización sobre TEA; iniciativas para favorecer e preparar ao emprego; etc... En todos os casos, a solución resultante do proxecto debe ser de carácter gratuíto para o usuario final.

O prazo para presentar as propostas estará aberto ata o próximo 14 de maio e as iniciativas deben enviarse á Fundación Orange seguindo as bases publicadas no seu sitio Web de Fundación Orange.

Esta é a terceira convocatoria de solucións dixitais realizada pola Fundación Orange.

  • En 2015 seleccionáronse catro proxectos, algúns dos cales xa están dispoñibles de forma gratuíta:
    • DictaPicto, de BJ Adaptacións e Dobre Equipo: unha aplicación que traduce en tempo real a voz á linguaxe visual (pictogramas).
    • A viaxe de Elisa, de Autismo Burgos: un videoxogo de concienciación baseado en deseño participativo onde as persoas con Síndrome de Asperger son protagonistas.
    • EmoPLAY, da Fundación CTIC- Centro Tecnolóxico: un sistema de recoñecemento facial que permite adestrar o recoñecemento de varias emocións a través das expresións faciais.
    • Taimun Watch, da Universidade Autónoma de Madrid:  unha aplicación de asistencia para smartwatch que axuda á autorregulación emocional en momentos  de crises.
  • En 2016 elixíronse tres propostas, que actualmente están en fase de desenvolvemento:
    • Historias infinitas, da Universidade de Granada: unha ferramenta para a creación de historias sociais animadas, deseñada para ser usada por persoas con TEA, os seus familiares e educadores.
    • The curricula adapter, de Fundación Autismo Diario: un proxecto que permitirá adaptar contidos educativos ás capacidades de cada individuo.
    • TEAyudo a xogar, da Universidade de Murcia: unha aplicación que pretende fomentar o xogo e o gozar do mesmo abrindo a porta ao desenvolvemento persoal.

Máis información na Web Oficial de Fundación Orange.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación Orange
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal