Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Robot

Camp Tecnolóxico convida aos nosos nenos a pasar un Nadal de robótica e programación

Versión para impresiónSend by email
Vigo, 16/11/16 (08:03)

O Camp Tecnolóxico, unha iniciativa de lecer formativo arredor do coñecemento avanzado, ten actividades vindeiras para a nosa terra. Máis polo miúdo para a zona de Vigo e Nigrán, onde vai promover (en colaboración con AJE Vigo, o Parque Empresarial de Porto do Molle de Nigrán e Coworking Vigo) campamentos de Nadal para nenas e nenos que mesturan e integran achegamentos lúdicos á robótica, a programación e a electrónica. Os campamentos en cuestión chámanse Inventor Lab e desenvolveranse na sede das tres devanditas entidades.

A través do Inventor Lab, os participantes aprenderán a facer cousas como programar videoxogos, controlar os movementos dos robots de Lego Education Wed e familiarizarse coas plataformas de hardware Crumble e Arduino. Os obradoiros, dirixidos a rapaces de 7 a 12 anos, poñeranse en marcha as semanas do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro nos ditos tres emprazamentos. O horario nos tres campamentos é de 9 a 14 horas. Segundo informan os responsábeis de Camp Tecnolóxico, un dos obxectivos básicos destas sesións é fortalecer e impulsar a creatividade na nenez e na adolescencia, amais de amosar as vantaxes de traballar en grupo e interactuando. Entre os beneficios de participarmos nestes campamentos, os impulsores dos mesmos salientan as posibilidades que se lles abren aos nenos e aos mozos de involucrárense no seu propio proceso de ensino, “o que lles converte en pensadores con recursos nas ciencias de maior demanda na actualidade e máis no futuro”.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal