
O Camp Tecnolóxico [3], unha iniciativa de lecer formativo arredor do coñecemento avanzado, ten actividades vindeiras para a nosa terra. Máis polo miúdo para a zona de Vigo e Nigrán [4], onde vai promover (en colaboración con AJE Vigo [5], o Parque Empresarial de Porto do Molle de Nigrán [6] e Coworking Vigo [7]) campamentos de Nadal para nenas e nenos que mesturan e integran achegamentos lúdicos á robótica, a programación e a electrónica. Os campamentos en cuestión chámanse Inventor Lab e desenvolveranse na sede das tres devanditas entidades.
A través do Inventor Lab, os participantes aprenderán a facer cousas como programar videoxogos, controlar os movementos dos robots de Lego Education Wed e familiarizarse coas plataformas de hardware Crumble e Arduino. Os obradoiros, dirixidos a rapaces de 7 a 12 anos, poñeranse en marcha as semanas do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro nos ditos tres emprazamentos. O horario nos tres campamentos é de 9 a 14 horas. Segundo informan os responsábeis de Camp Tecnolóxico, un dos obxectivos básicos destas sesións é fortalecer e impulsar a creatividade na nenez e na adolescencia, amais de amosar as vantaxes de traballar en grupo e interactuando. Entre os beneficios de participarmos nestes campamentos, os impulsores dos mesmos salientan as posibilidades que se lles abren aos nenos e aos mozos de involucrárense no seu propio proceso de ensino, “o que lles converte en pensadores con recursos nas ciencias de maior demanda na actualidade e máis no futuro”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/161116_camp_tecnolo3561.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://camptecnologico.com/
[4] http://ecodixital.com/post.php?id=8401
[5] http://camptecnologico.com/campamentos-navidad-vigo/
[6] http://camptecnologico.com/campamentos-navidad-nigran/
[7] http://camptecnologico.com/campamento-navidad-vigo/