O vindeiro 26 de outubro celebrarase no Bergin After Work ás 19:30 horas a cuarta edición de Coruña Bloggers, encontro dirixido a profesionais e afeccionados ao mundo dos blogs que queiran compartir coñecementos e experiencias, e que está artellado como un par de relatorios seguidos dunha sesión de networking.
Un dos detalles máis salientables desta serie de encontros é que é preciso inscribirse previamente por limitacións de aforo e, en vez de ter que aboar unha cantidade económica para poder acudir presencialmente os asistentes deberán acudir achegando como mínimo 1 quilo de alimentos non perecedoiros que se entregarán á Cociña Económica.
Os relatores desta nova edición do evento solidario coruñés serán a xornalista Sonia Hermida, autora do blog O Mundo ao revés, e Marcus Fernández, webmaster de Código Cero. Baixo o título de Desmontando mitos sobre os blogs infantís Hermida procurará desbotar a idea de que os blogs sobre infancia e maternidade son de segunda categoría, para o que explicará a súa experiencia e achegará algunhas ferramentas e trucos que lle funcionaron; mentres que Marcus Fernández, abordará temas relacionados cos blogs como os comentarios, a relacións coas redes sociais ou as novas plataformas de aceleración móbil.
Esta mañá abriuse a solicitude de invitacións para poder acudir a esta nova edición de Coruña Bloggers, que previsiblemente esgotaranse en poucas horas, ante a consolidación desta serie de encontros que teñen lugar os últimos mércores de cada mes, e nos que non faltan sorteos (de produtos de O Pirata e Love it Sara) e degustación de galletas (elaboradas por Sonia de La dulce comarca).
Rexístrate como: