Na última edición do Google I/O deixaron clara a aposta pola realidade virtual e os sistemas inmersivos, sendo un dos eidos nos que consideraron de maior interese a aplicación desta tecnoloxía o educativo, polo que propuxeron Google Expeditions, un novo xeito de realizar viaxes virtuais valéndose do cartón de Google, e hoxe presentan a aplicación de balde que xa está dispoñible en Google Play e na App Store, e que permite guiar a pequenos grupos de usuarios conectados localmente dende un teléfono ou tableta.
A nova aplicación pode funcionar en modo guía ou modo explorador, de xeito que o usuario que escolle ser guía elixirá os contidos que explorarán o resto de usuarios que empreguen a aplicación conectados á mesma rede Wi-Fi. Os móbiles ou tabletas poden servir como unha fiestra a un mundo envolvente que, de contarmos cun visor como o cartón de Google, achega unha experiencia moi inmersiva, na que os estudantes teñen a sensación de estar a viaxar en algunha das máis de 200 expedicións que van incrementándose en número paulatinamente. En España dende Google Arts & Culture desenvolveron expedicións co Museo Nacional de Ciencias Naturais e tamén relativas a Cervantes, o que permite organizar visitas virtuais nas que o guía pode ir explicando aos exploradores o que están a ver, para o que conta con información de apoio na aplicación que convértese así nunha ferramenta educativa moi práctica. O mestre pode ir seguindo os puntos de interese que indica a aplicación, guiando aos nenos nos percorridos, podendo ir ao seu ritmo, facilitando así que os nenos exploren pola súa conta.
Un punto forte da aplicación é que, aínda que os contidos estean principalmente en inglés, os textos están orientados ao guía, de xeito que o profesor poderá iniciar moitas experiencias para os seus alumnos explicándolles o que están a ver na lingua que estime oportuno (ou sexa, que o idioma só sería unha barreira para o docente, non para o alumno).
Rexístrate como: