
Na última edición do Google I/O deixaron clara a aposta pola realidade virtual e os sistemas inmersivos [3], sendo un dos eidos nos que consideraron de maior interese a aplicación desta tecnoloxía o educativo, polo que propuxeron Google Expeditions [4], un novo xeito de realizar viaxes virtuais valéndose do cartón de Google, e hoxe presentan a aplicación de balde que xa está dispoñible en Google Play [5] e na App Store [6], e que permite guiar a pequenos grupos de usuarios conectados localmente dende un teléfono ou tableta.
A nova aplicación pode funcionar en modo guía ou modo explorador, de xeito que o usuario que escolle ser guía elixirá os contidos que explorarán o resto de usuarios que empreguen a aplicación conectados á mesma rede Wi-Fi. Os móbiles ou tabletas poden servir como unha fiestra a un mundo envolvente que, de contarmos cun visor como o cartón de Google, achega unha experiencia moi inmersiva, na que os estudantes teñen a sensación de estar a viaxar en algunha das máis de 200 expedicións que van incrementándose en número paulatinamente. En España dende Google Arts & Culture desenvolveron expedicións co Museo Nacional de Ciencias Naturais e tamén relativas a Cervantes, o que permite organizar visitas virtuais nas que o guía pode ir explicando aos exploradores o que están a ver, para o que conta con información de apoio na aplicación que convértese así nunha ferramenta educativa moi práctica. O mestre pode ir seguindo os puntos de interese que indica a aplicación, guiando aos nenos nos percorridos, podendo ir ao seu ritmo, facilitando así que os nenos exploren pola súa conta.
Un punto forte da aplicación é que, aínda que os contidos estean principalmente en inglés, os textos están orientados ao guía, de xeito que o profesor poderá iniciar moitas experiencias para os seus alumnos explicándolles o que están a ver na lingua que estime oportuno (ou sexa, que o idioma só sería unha barreira para o docente, non para o alumno).
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/160922_google_explo3737.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://codigocero.com/Android-M-abre-a-porta-ao-futuro-mobil-de-Google
[4] https://www.google.com/edu/expeditions/
[5] https://play.google.com/store/apps/details?id=com.google.vr.expeditions
[6] https://itunes.apple.com/es/app/expeditions/id1131711060