O Campus de Pontevedra presentou este xoves o seu programa aberto de actividades para a cidadanía. Trátase de sete obradoiros de extensión cultural que a Vicerreitoría do Campus pon en marcha para este primeiro cuadrimestre e que manteñen aberto o seu período de inscrición. Haberá, entre outras cousas, actividades formativas para iniciarnos na creación de videoxogos indies e na realización de programas de radio e podcast. Para participar nestas xeiras de aprendizaxe, sinalou a Vicerreitoría, non precisaremos preparación previa sobre a materia da que traten.
Os sete obradoiros de 30 horas desenvolveranse dende este mes de setembro cun prezo de matrícula de 26 euros para os integrantes da comunidade universitaria e de 40 para a cidadanía en xeral. O programa botará a andar o 14 de setembro cunha nova edición do curso Locución audiovisual, que imparte a actriz, xornalista e actriz de dobraxe Maika Aguado. Tamén en setembro, este centro acollerá o obradoiro Radio e podcast, que impartirá o locutor José María Bará. Segundo explicou a súa directora, a profesora Aurora García, este novo taller dá continuidade a anteriores obradoiros sobre radio “poñendo o acento na locución e na capacitación do alumnado para habilitar a súa propia emisora de radio, aproveitando as posibilidades que lles brinda internet e os novos medios”. CCSS e da Comunicación será ademais este mes o escenario dunha nova edición de Fala, oratoria e comunicación. Técnicas para falar en público, impartido polo clown Al Rossel.
Tamén en setembro dará comezo na Casa das Campás o curso Comisariado e estratexias para artistas, que imparte Francisco Porto, do colectivo Latamuda. Xa en outubro, a EE Forestal acollerá o inicio dunha nova edición do taller Interpretación de instrumentos populares galegos, dirixido polo PAS Luís Torres e impartido polo músico Suso Vaamonde. Ademais, a partires do 13 de outubro CCSS e da Comunicación acollerá o obradoiro de iniciación ao teatro, impartido polo actor Salvador del Río, responsábel de Ningures Producións e director das primeiras edicións da Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU).
Por último, este programa completarase en novembro na Casa das Campás con Desenvolvemento de xogos indies, unha actividade dirixida pola profesora Beatriz Legerén e impartida polos egresados Adrián Santasmarinas e Iria Carballo que busca achegar ao alumnado aos conceptos básicos de deseño de videoxogos, creación de personaxes e contornas e programación e na que os participantes traballarán na creación do seu propio videoxogo independente e innovador.
Rexístrate como: