Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Participantes no obradoiro "A Hora do Código"

Xogando a 'destripar' a tecnoloxía máis actual

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 14/12/15 (12:08)

Son nenos e nenas nativos dixitais. Naceron e medran nunha sociedade onde a tecnoloxía forma parte fundamental da vida diaria. O teléfono móbil, as tabletas e os ordenadores son para eles e elas ferramentas de uso cotiá. Co obxectivo de amosarlle a este público a tecnoloxía máis actual que xa os rodea, a Escola Superior de Enxeñaría Informática ESEI do campus de Ourense abriu as súas portas a rapaces e rapazas de 6 a 17 anos, no marco da iniciativa a Hora do Código, para ofrecerlles xunto ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia nocións básicas de programación, impresión 3D e robótica.

“O obxectivo é que coñezan dun xeito ameno e accesible a tecnoloxía que xa usan a cotío”, explicou Ana Garriga, directora da ESEI. “A Hora do Código parécenos unha iniciativa moi positiva, pois permite aos participantes comprender mellor a tecnoloxía que nos rodea e quen sabe, quizais facer canteira, espertar algunha vocación”, engadiu Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. O proxecto Hour of Code, Hora do Código, está promovido desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dun evento internacional de introdución ás ciencias da computación durante unha hora, deseñado para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina.

150 participantes
Segundo a organización, un total de 150 nais, pais e nenos e nenas apuntáronse a esta iniciativa, esgotándose todas as prazas ofertadas. Elas e eles puideron divertirse e aprender nas tres actividades que se desenvolveron coa participación de voluntarios do centro e do colexio profesional. A primeira actividade foi de introdución á programación e nela houbo sesións dunha hora na que os cativos e cativas de 6 a 10 anos puideron aprender a programar xogos de Starwars ou Frozen. Tamén houbo sesións de iniciación ao Scratch para rapaces e rapazas de 10 a 16 anos.

A segunda actividade, deseñada para rapaces e rapazas de 10 a 15 anos, foi de impresión en 3D. Nela as persoas participantes coñecer todo o proceso de creación dunha peza en tres dimensións, empregando escáners, impresoras e lapis 3D. Os inscritos puxéronse mans á obra para crear as súas propias pezas seguindo as indicacións de Ana Gómez e Pablo González, da empresa ourensá + que 3D. Por último, celebrouse unha actividade de programación de dispositivos de robótica con Arduino, pensada para adolescentes de 13 a 17 anos. Nela, Fernando Coladas, ofreceu aos participantes nocións básicas de robótica, programando sobre unha placa de software e hardware libre, “o auténtico cerebro dun robot”, e traballando con diferentes dispositivos sobre ela. Con moitas ganas de aprender e moita curiosidade, os participantes, pais, nais, nenos e nenas, puxéronse mans á obra, intentando seguir as explicacións dos monitores para ser capaces de manexar a tecnoloxía de vangarda que tiñan nas súas mans.

Tema: Xeral
Fonte: Diario da Universidade de Vigo
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal