O Concello de Ferrol vén de entregar os certificados de alfabetización dixital aos participantes nun recente curso TIC incluído no programa Sumemos inclusións, iniciativa dirixida a beneficiarios da RISGA (Renta de Integración Social de Galicia) e encamiñada a fomentar a inclusión social na contorna ferrolá. A encargada de entregar as acreditacións foi a concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo, quen fixo saber que o obxectivo do programa é poñer o punto de mira “en colectivos illados e decepcionados ante a actual situación”, marcada pola falla de oportunidades laborais. Polo tanto, búscase achegarlles estímulos formativos e grupais que animen á busca activa de emprego e que permitan o proceso de procura nas mellores condicións.
Ao abeiro de Sumemos inclusión desenvolveuse en setembro, entre os días 1 e 18, o devandito curso de alfabetización dixital, que tivo unha duración de 40 horas en horario de mañá e que foi realizado por 10 persoas perceptoras de RIGSA. Os contidos desta acción formativa xiraron en torno a coñecementos do sistema operativo Windows 8, Microsoft Word 2013 e sobre a busca de emprego por Internet, “co fin de favorecer este aprendizaxe tan necesaria na sociedade actual, como ferramenta útil para o manexo de información, de busca activa de emprego e como medio de comunicación”, fixo saber o Concello de Ferrol, que tamén lembrou que a actuación está co-financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER/Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo FEDER/FSE de Galicia 2007-2013, Eixe 2 e tema prioritario 71, cunha taxa de cofinanciamento do 80%.
O programa Sumemos inclusión está dirixido en total a 30 persoas en risco de exclusión social. Trátase de proporcionar un servizo que fomente a participación e inserción daquelas persoas “con maiores dificultades sociais” fornecendo “unha estrutura de apoio cara a lograr unha vinculación positiva entre quen participa e os servizos sociais”.
Rexístrate como: