Este martes entregáronse os diplomas de asistencia ás xornadas da Rede Emprende en Igualdade en Dodro (A Coruña). Foron un total de 21 alumnas as participantes. Na cita concorreron o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, Fernando Suárez, e máis a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, que salientou que a Rede Emprende en Igualdade ten como obxectivo “mellorar as capacidades de emprendemento e busca de emprego feminino a través do fomento e coñecemento das competencias e formación tecnolóxica e as redes sociais”. En total, fixo saber que esta edición das xornadas formará a unhas 180 alumnas.
No acto tamén estiveron presentes o alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín Somoza, e a tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais e Igualdade do concello, Mª Soledad Boga Grela.
Segundo fixeron saber Suárez e Abella, ás mulleres participantes nesta iniciativa (froito da colaboración do CPEIG e a Secretaría Xeral de Igualdade), proporciónaselles formación e asesoramento en cuestións como iniciación a Internet e redes sociais, novas tecnoloxías e emprendemento, procura de emprego, novas tecnoloxías como ferramentas transversais de aforro de tempo, creación de empresas e igualdade de xénero.
No presente ano 2015 púxose en marcha a terceira edición destas accións formativas en novas tecnoloxías. Para o seu desenvolvemento cóntase tamén coa colaboración da AMTEGA coa posta a disposición da súa rede de aulas CeMIT, e dos concellos onde se van a realizar os cursos, son Dodro, Ordes, Ortigueira, Palas de Rei, Vilalba, Avión, Verín, A Guarda, Marín e Vila de Cruces. Os cursos teñen unha duración de 20 horas, cun máximo de 25 alumnas. Veñen da man de profesionais do CPEIG, e celebraranse nas aulas CeMIT existentes nos correspondentes concellos.
Rexístrate como: