Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel da xornada

O Programa de Voluntariado Dixital da Xunta abre a convocatoria para colaborar na primeira mini maker faire galega

  • Os 15 Voluntarios do Programa que participen darán soporte en talleres, mesas redondas e outras actividades do evento
  • A Compostela Mini Maker Faire terá lugar o 17 de outubro en Área Central, en Santiago de Compostela
  • A Maker Faire é un festival de tecnoloxías creativas, un evento para todos os públicos, no que descubrir de forma activa inventos, creacións realizados polos propios participantes coa axuda da tecnoloxía
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 08/10/15 (07:34)

O Programa de Voluntariado dixital da Xunta, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Voluntariado,  vén de abrir unha a convocatoria para a inscrición de 15 voluntarios e voluntarias dixitais, que ofrezan o seu tempo para colaborar no desenvolvemento da Compostela Mini Maker Faire.

Trátase da primeira Maker Faire galega, que terá lugar o vindeiro 17 de outubro en Área Central, un evento que une tecnoloxía, educación, ciencia, arte, artesanía, enxeñería, sustentabilidade e moito máis. Mini Maker Faire ofrecerá a oportunidade de coñecer persoalmente aos Makers creadores desas ideas, facerlles preguntas, e sobre todo ver como a artesanía, a arte,...  e a tecnoloxía traballan xuntos.

 

Inscrición
Así, persoas voluntarias con curiosidade, creatividade e ganas de axudar,  apoiarán este evento dando soporte en talleres, mesas redondas, aos expositores e outras actividades que se desenvolvan no marco desta feira.
Se estás interesado en colaborar como voluntario na Compostela Mini Maker Faire rexístrate en Voluntariado Dixital e apoia este evento.

 

Sobre Maker Faire
Maker Faire é o festival de tecnoloxías creativas, un evento para todos os públicos, no que descubrir de forma activa inventos, creacións realizados polos propios participantes coa axuda da tecnoloxía. É un lugar no que a xente mostra o que está a facer e comparte as súas aprendizaxes. Tamén é unha celebración do movemento Maker a nivel mundial.

A primeira Maker Faire celebrouse San Mateo, California. No ano 2013 realizouse o oitavo encontro con máis de 900 makers e 120.000 asistentes. A outra gran feira, a World Maker Faire New York, creceu en catro anos ata chegar ata máis de 600 makers e 75.000 asistentes. Detroit, Kansas City, Newcastle (UK), Rome, Oslo e Tokyo albergaron as outras feiras con máis de 200 makers en cada unha delas. As Mini Maker Faire, organizadas pola comunidade de forma independente foron crecendo pouco e pouco e xa se celebran en todo o mundo, e agora en Galicia.

 

O Movemento Maker
O movemento maker parte da cultura de facer as cousas un mesmo coa axuda da tecnoloxía e de coñecementos compartidos a través de redes sociais e internet. É unha mestura do DIY (Do it Yourself - Faino ti Mesmo) coa tecnoloxía para lograr proxectos ata agora restrinxidos a unha elaboración industrial.

O perfil dos Makers abrangue desde entusiastas tecnolóxicos a artesáns, educadores, inventores, afeccionados, enxeñeiros, artistas, clubs de ciencia, estudantes, autores e exhibidores comerciais... ademais de realizar os seus proxectos, compártenos online con Makers de todo o mundo.

 

Programa de Voluntariado Dixital
Esta iniciativa, posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.

A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas. 

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal