Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Planeta Terra sobre o dibuxo dunha lámpada

Barcelona acollerá o primeiro 'Foro de Innovación Social, Educación + Tecnoloxía'

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 29/01/15 (08:52)

A primeira edición do Foro de Innovación Social, organizado pola Fundación Ship2B, estará enfocada á educación, e a como as tecnoloxías poden ser unha ferramenta útil para desenvolver novas solucións que dean resposta aos retos educativos. O encontro, que terá lugar o 9 de febreiro no Museo Nacional de Arte de Cataluña, conta co apoio da Fundación Banco Sabadell e Creafutur.

Durante a mañá, presentarase un estudo sobre innovacións educativas de base tecnolóxica, realizado por Ship2B dentro do programa B-Challenge, e haberá un espazo de charlas e debate. Pola tarde, o foro converterase nun taller de innovación, con asistencia limitada a persoas e proxectos seleccionados previamente pola organización. Nesta sesión, os participantes traballarán con persoas expertas de diferentes sectores para dar forma ás súas iniciativas empresariais ligadas á innovación educativa. Ao finalizar, presentarán os seus proxectos fronte a responsables da Fundación Ship2B e as mellores ideas obterán unha praza dentro do programa de aceleración de empresas sociais B-Challenge. A inscrición pódese realizar online e o prazo está aberto até o 5 de febreiro.

B-Challenge é un programa dirixido a apoiar proxectos de innovación educativa baseados nas tecnoloxías. O proceso de aceleración está aberto tanto a empresas como a persoas e entidades que queiran lanzar ou teñan xa en marcha unha iniciativa relacionada con algún deste catro ámbitos: educación en valores, dificultades de aprendizaxe, mellora de resultados académicos ou formación e inserción social. O prazo xeral de inscricións para este programa está aberto até o 10 de marzo.

Na web do programa recóllense exemplos de boas prácticas que utilizan as tecnoloxías na educación. Entre elas está Jump Math, unha metodoloxía para aprender matemáticas dirixida a estudantes de primaria e secundaria, o espazo de formación e acceso a emprego para persoas con autismo Auticon, ou o proxecto Duolingo, que facilita a aprendizaxe de idiomas a través do xogo.

Tema: Xeral
Fonte: Innovaticias
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal