Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Usuaria con muleta

Inventan unha muleta intelixente que avisa ao paciente en caso de uso incorrecto

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 20/11/14 (11:40)

Unha investigadora da Universidade de Sevilla patentou un sistema de medición de cargas incorporado en bastóns de antebrazo ou muletas que avisa sensorialmente ao paciente se os utiliza de forma incorrecta.

A iniciativa, desenvolvida polo grupo de investigación da área de fisioterapia da Universidade de Sevilla, contou coa colaboración dos departamentos de tecnoloxía electrónica, mecánica e tecnoloxía de computadores, así como tamén da Cátedra Telefónica.

Trátase dun bastón compacto, sen cables nin pezas de electrónica ou mecánica visibles, cuxa principal innovación reside na incorporación dun sistema de medición de cargas, utilizando unha tecnoloxía de comunicación por radiofrecuencia de última xeración denominada GCH2.

Este sistema, que resulta moi fácil de utilizar ao non requirir grandes coñecementos técnicos, emite sinais acústicos e/ou visuais ao usuario no caso de que abandone o rango de forzas predeterminado polo seu fisioterapeuta, permitíndolle así tomar conciencia do seu erro e autocorregirse.

Aínda que por norma xeral, tanto o médico como o fisioterapeuta dan pautas verbais a aqueles pacientes que necesitan utilizar bastóns de antebrazo ou muletas para poder camiñar descargando parcialmente o seu peso corporal por mor de lesións musculo-esqueléticas nalgún membro inferior ou ben por intervencións cirúrxicas, realizáronse estudos que demostran a ineficacia destas indicacións debido á imposibilidade de coñecer con exactitude a carga exercida.

"Utilizar mal un bastón de antebrazo supón un atraso na recuperación e ás veces pode provocar secuelas irreversibles como a deterioración dos tecidos e mesmo a necesidade de realizar novas intervencións cirúrxicas", explica Gema Chamorro, inventora da patente.

Esta muleta intelixente permite minimiza-los riscos e axuda tanto a pacientes como a fisioterapeutas a corrixir desalineacións corporais, apoios plantares anormais, asimetría nos pasos e outras alteracións dos patróns normais de marcha que adoitan sufrir persoas que se ven obrigadas a utilizar bastóns de antebrazo.

A partir das investigacións desenvolvidas con este Sistema GCH2, tanto médicos como fisioterapeutas poderán dispor de protocolos de actuación que posibilitarán indica-la carga exacta que o paciente necesita durante a marcha asistida ao longo do seu proceso de recuperación, favorecendo un tratamento fisioterapéutico máis eficiente e eficaz.

Unha vez patentado, os seus responsables buscan agora empresas interesadas na explotación e difusión desta tecnoloxía para poder implantala en clínicas de fisioterapia e hospitais. 

Tema: Xeral
Fonte: Revista de innovación
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal