Boa parte dos integrantes dos dez grupos de investigación que conforman a rede TELGalicia reuníronse este xoves no Campus de Vigo. O motivo? Basicamente estudar a viabilidade dun mestrado entre universidades sobre o emprego das novas tecnoloxías no ensino, amais de pórse ao día dos avances recentes e debullar as estratexias vindeiras.
Lembrar que a dita rede é unha iniciativa posta en marcha hai dous anos co obxectivo xeral de dar forma a solucións tecnolóxico-dixitais que fortalezan e modernicen o ensino primario e secundario. Acubilla a máis de 120 investigadores. Entre os seus logros cóntase Edu-AREA, aplicación web para fomentar (en positivo) o emprego de tecnoloxías propias das redes sociais no día a día das clases. Informar que a rede vén de ampliarse con dous novos equipos de traballo, un de Gradiant e outro da Universidade da Coruña.
A rede está integrada por investigadores de toda Galicia e conta coa colaboración doutros oito grupos de investigación do resto de España e de Europa. Entre outras novidades dadas a coñecer, os membros da comunidade están a ultimar unha versión de Edu-AREA para Android e outra para iOS coa finalidade de que os docentes “poidan empregar as súas tabletas ou teléfonos intelixentes para facer os seus propios diarios de clase”. E engadiron: “Con este sistema poden ir recompilando información, vídeos e fotos do que está pasando na clase e facelo con todas as vantaxes que dan estas tecnoloxías, pois hai que ter en conta que a información queda en liña e, despois, dende a súa casa poden velo no ordenador, facer cambios ou introducir aquilo que necesitan”.
Durante a xornada contouse tamén coa participación da subdirectora da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, María José Arrojo, que tivo a oportunidade de presentar aos participantes na reunión a Plataforma Proxecta, iniciativa posta en marcha de xeito conxunto entre a súa fundación e a de Amancio Ortega e dirixida a axudar a que as mestras e mestres se formen en metodoloxías innovadoras que lles faciliten o seu labor docente nas aulas, para que o seu alumnado “atenda, entenda e aprenda non só contidos, senón tamén competencias para unha contorna analóxica e dixital”.
Rexístrate como: