Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Proxecto europeo ICT-Go-Girls

O CESGA e a USC presentan os resultados do proxecto europeo que impulsa ás rapazas nas TIC

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 10/10/14 (08:03)

O proxecto europeo ICT-Go-Girls, liderado pola Universidade de Santiago e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), vai presentar esta semana os seus resultados perante a comunidade internacional nunha cita en Amberes con conexións a todos os recantos do mundo. Como lembraremos, trátase dunha iniciativa comandada en parte polo Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa do departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC, baixo a coordinación do CESGA, dirixida a fortalecer os recursos (coñecemento, servizos, valores, asesoramento) dos que dispoñen as mozas europeas para estar na primeira liña do sector TIC. De feito, a razón de ser deste proxecto europeo é equilibrar a balanza de xénero no sector das novas tecnoloxías, comezando polo eido educativo. Ou sexa, rematar coa fenda profesional entre sexos.

Os responsábeis do programa difundirán os seus resultados o vindeiro día 15 en Amberes, Bélxica, nunha sesión aberta e de balde que poderá seguirse en liña. Grazas a isto, informa a USC, as persoas interesadas na cuestión mulleres-TIC terán a oportunidade de asistir ás diversas conferencias encamiñadas a afondar na fenda de xénero existente no sector tecnolóxico-dixital en Europa e as súas posibilidades laborais, o emprendemento con TIC como un ámbito estratéxico para a Unión Europea e as diferentes iniciativas europeas entre as que se atopa o proxecto ICT-Go-Girls!
A USC engade tamén que ese día desenvolveranse diversas sesións con estratexias prácticas, actividades educativas e ferramentas de utilidade para promover o espírito emprendedor con TIC das alumnas de secundaria.
Como lembraremos, o proxecto ICT-Go-Girls vai dirixido a rapazas de Secundaria do ámbito europeo e inclúe, entre outras moitas cousas, metodoloxías de aprendizaxe e probas para mellorar as habilidades emprendedoras das mozas a través das canles e as ferramentas 2.0.

A aplicación práctica está a correr a cargo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), á que cómpre engadir as seguintes institucións: Die Berater (Austria), Spoleczna Akademia Nauk (Polonia), Instituto Fraunhoffer IAO-Stuttgart Uni (Alemaña), CVO Antwerpen-Zuid (Bélxica) e Donau-Universitat Krems (Austria).
“O proxecto”, explicaban fontes do CESGA en novembro de 2012 e coincidindo coa súa presentación, “constrúese arredor de recursos e ferramentas de código aberto en acceso libre, como as destinadas á creación de cartafoles virtuais, simuladores de xogos, actividades educativas e de lecer virtuais, deseño dixital, creación de redes sociais entre as rapazas participantes, desenvolvemento de contornas en 3D, escaparates virtuais de compañías, concursos e xogos entre os centros de ensino participantes, entre outros puntos”.

As actividades que se celebran tamén facilitan o contacto con mulleres de negocio falando de cadanseu caso de éxito, accións de asesoramento levadas a cabo por mentoras e até unha comunidade 2.0 para dar cabida ao fluxo e intercambio de experiencias no camiño da innovación feminina. 

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal