Un pasatempo tan recorrido como os videoxogos online contribúe ao diagnóstico masivo de casos de malaria no mundo. É un dos proxectos de emprendimiento que apareceron nos últimos anos no ámbito da saúde abríndose paso en España.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) ten rexistrados uns 200 millóns casos de malaria anuais en todo o mundo. Un neno morre cada minuto afectado polos parasitos transmitidos a través da picadura dun mosquito e o diagnóstico non é tan doado. Un microscopista tarda ata 30 minutos en buscar o rastro do parasito no sangue de xeito manual.
Se este traballo rutineiro fose realizado por millóns de persoas en todo o mundo, resultaría máis rápido e doado. Tan sinxelo como facer click e investir un só minuto do tempo libre en xogar unha partida de videoxogo para identificar os casos da malaria e así combater de forma máis efectiva esta epidemia.
A esta conclusión chegou a través dun estudo o grupo de científicos españois encabezado por Miguel Luengo-Oroz, do Grupo de Tecnoloxía de Imaxes Biomédicas & CEI Moncloa de la Universidad Politécnica e Universidade Complutense de Madrid. O xogo online que deseñaron estes xoves investigadores ensina ós internautas a encontrar parasitos de malaria en imaxes reais dixitalizadas a partir de mostras de sangue procedentes de persoas afectadas. Crear unha comunidade de cidadáns-xogadores capaces de identificar a enfermidade de forma sinxela demostra que os xogos colaboradores e as redes sociais brindan moitas oportunidades para o ben da saúde global, en palabras de Miguel Luengo-Oroz.
A Miguel chegoulle a inspiración hai dez anos cando estaba en París enrolado nun proxecto de intelixencia artificial aplicado ao diagnóstico desta mesma enfermidade. Este foi o xerme do seu actual xogo, chamado MalariaSpot.
En Francia puido constatar que aos médicos de cabeceira lles custaba diagnosticar casos de malaria, quizais porque non estaban moi afeitos a ver enfermos (o mosquito viaxaba en avión dende outros países e contabilizábanse casos especialmente en zonas próximas a aeroportos franceses) e o veredicto podía tardar demasiado. Facíase necesario pensar en solucións de telemedicina e intelixencia artificial, aínda que o proxecto de París quedou só nun bosquexo.
"Hai uns tres anos, lin un libro que trataba sobre o tremendo potencial dos videoxogos para cambiar o mundo: Reality is broken, de Jane McGonigal," explica Miguel. Entón decidiu aplicar á malaria a intelixencia colectiva que achegan moitas persoas, como complemento aos métodos de rastrexo existentes. Xa había algúns proxectos colectivos desta índole nos que a xente se dedicaba a algo tan curioso como identificar planetas. Así que, meses despois, Miguel lanzaba MalariaSpot, o primeiro ensaio a nivel mundial de telediagnose de imaxes médicas desta enfermidade.
Para a cesión de imaxes, este proxecto colabora co doutor John Frean, de National Institute for Connunicables Diseases, de Johannesburgo (Sudáfrica).
Pero MalariaSpot non pretende quedar nun videoxogo para PC; agora os cazadores-xogadores poden tamén xogar dende os seus smartphones. Aquí vén a fase máis importante, segundo o propio Miguel: "Levar este xogo en forma de aplicación a todos os smartphones do mundo, tendo en conta que o uso destes celulares está cada vez máis estendido,". E non limitarse só a iso.
Tamén se pode utilizar o smartphone para a toma de imaxes, é dicir, "un teléfono móbil converteríase en microscopio para captar as imaxes das mostras e envialas a Internet", di o investigador argumentando que existe rede móbil en case todo o planeta, "mesmo nas rexións a priori máis desfavorecidas".
Sara Gil, a responsable de Comunicación de MalariaSpot, foi rexistrando a resposta dos xogadores dende as orixes e cualifica a súa implicación de "excepcional". Só no primeiro mes tras o lanzamento do xogo xa contabilizáronse máis de 12.000 partidas de xogadores voluntarios procedentes un total de 95 países diferentes.
MalariaSpot ten moi boa acollida en países latinoamericanos, aínda que Sara di que hai xogadores de todo o mundo. "Ademais, non pasa case nin un día sen que recibamos un correo electrónico de alguén ofrecéndose a colaborar connosco, dende enfermeiros de Estados Unidos a técnicos de laboratorio de España,". Por outro lado, percibiron doazóns de particulares e, sobre todo, moitos xestos de apoio.
A boa acollida que ten este xogo queda plasmada nas redes sociais, onde non faltaron mensaxes de alento do tipo "Menos Candy Crush e máis MalariaSpot".
No futuro, Miguel e o seu equipo quererían desenvolver novos xogos en todo tipo de plataformas baseándose nestes métodos para así diagnosticar e minimizar o tempo necesario de reconto exacto de parasitos.
Actualmente, o científico español está a investigar como analizar con intelixencia colectiva outros tipos de imaxes biomédicas como son as mostras para o diagnóstico da tuberculose. Tamén ten en mente outras posibilidades como é a análise das imaxes de citoloxías para a detección precoz do cancro de colo de útero. "Aquelas enfermidades diagnosticadas a través de imaxes son todas elas potenciais candidatas para aplicarlles o mesmo modelo de MalariaSpot", asegura Miguel.
Rexístrate como: