Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Esther Martínez-Figueira

Avances tecnolóxicos que fomentan unha educación sen barreiras

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 17/07/14 (09:56)

No ámbito do ensino, as novas tecnoloxías poden converterse nunha importante ferramenta para lograr "unha maior cohesión social”, segundo destaca a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Esther Martínez-Figueira, coordinadora do libro TIC para a inclusión de alumnado con necesidades específicas e de apoio educativo. Con esta idea como punto de partida, neste volume editado polo Servizo de Publicacións da Universidade compílanse unha serie de experiencias que amosan como as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) poden axudar “a superar as limitacións e a procurar a autonomía” das persoas con necesidades educativas específicas.

Segundo subliña esta docente, “na escola desenvólvense determinados procesos que favorecen a inclusión e, á súa vez, outros procesos que contribúen ou poden fomentar a exclusión e a marxinación”. De aí a importancia que neste volume se lle outorga ás “prácticas educativas inclusivas”, que Martínez-Figueira define como “o medio máis eficaz para combater as actitudes discriminatorias”. Nesa loita, a docente outorga un destacado papel á implantación das TIC no ámbito do ensino. “Os seus beneficios na procura dunha educación inclusiva son evidentes”, salienta Martínez-Figueira, que sostén que as novas tecnoloxías “incrementan as oportunidades educativas” das persoas con necesidades específicas. Neste senso, defende que as TIC “favorecen a súa comunicación co resto de compañeiros e compañeiras”, así como co profesorado, ao tempo que tamén permiten deseñar “unha formación individualizada”, adaptada as súas características, e “diminuír o sentido de fracaso académico e persoal”.

O uso dun comunicador adaptable por parte de persoas cunha minusvalía psíquica, a utilización do encerado interactivo como ferramenta de apoio ao alumnado con parálise cerebral ou o desenvolvemento de software educativo específico para estudantes con dificultade de comprensión lectora son tres das experiencias analizadas no manual que coordina Martínez-Figueira e no que tamén participan Manuela Raposo, Isabel Doval, Antía García, Tania Garrido, Lourdes Estévez, Ana Belén Salgado, Sheila Caride e Fernando Tellado. Un manual que, como relata a súa coordinadora, trata de servir coma “un punto de referencia para o uso activo das TIC” no ámbito do ensino e que vai dirixido tanto a persoal docente como ao alumnado vinculado a este campo, así como aos familiares de persoas con necesidades especiais de apoio educativo.

Un campo con moito percorrido por diante

Dado o potencial que as novas tecnoloxías achegan a esa idea de “escola inclusiva”, no libro que coordina Martínez-Figueira incídese na necesidade de avanzar en campos como a posta a disposición do alumnado dunha "adecuada infraestrutura de hardware e software", na contextualización do seu uso no desenvolvemento curricular ou na "articulación de medidas para facilitar que as familias poidan adquirir tecnoloxías de apoio á diversidade".

Así mesmo, este manual afonda na importancia de que o uso destas ferramentas parta "dunha avaliación que determine os programas que necesita cada alumno", para a partires de aí desenvolver ferramentas "adecuadas ao seu potencial" e deseñar tarefas "que se axusten ás súas capacidades". Neste senso, Martínez-Figueira fai énfase na necesidade de traballar "de abaixo cara arriba" e partir "da realidade, das necesidades sentidas" en lugar de optar por "medidas que veñen impostas dende contextos alleos para seren aplicadas a casos reais", algo que ao seu xuízo constitúe unha equivocación.

Por outra banda, esta docente subliña a importancia de promover unha formación específica do profesorado neste ámbito, así como na necesidade de impulsar a investigación e a innovación. Neste senso, alerta no prólogo do libro da existencia de factores que poderían levar a unha "infrautilización" das TIC no ensino, onde existen unha serie de "barreiras que veñen dadas por unha selección inadecuada da tecnoloxía, pola ausencia de políticas específicas sobre inclusión dixital, por dificultades de acceso ás infraestruturas tecnolóxicas" ou por unha "insuficiente formación dos docentes e das familias".

Tema: Xeral
Fonte: Universidade de Vigo
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal