Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Plan de Banda Larga

Familias e pemes das zonas máis illadas de Galicia poden solicitar ata o 30 de agosto as axudas da Xunta para contratar internet vía satélite


  • Sufráganse con ata 150 euros os gastos de instalación así como o equipamento no interior das vivendas ou empresas (router wifi, etc) e a alta de liña e o primeiro mes serán gratuítos.

  • Estas axudas estanse a xestionar por 5 operadoras acreditadas pola Xunta de Galicia como entidades colaboradoras: Duo Telecom, Eurona, Intermax, Quantis e Terrachá Technology.

  • Desde o ano 2012 xa se beneficiaron desta liña do Plan de Banda Larga preto de 2.000 fogares e pemes 

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 25/06/14 (09:16)

Ata o 30 de agosto familias e pemes das zonas con máis dificultades de cobertura da toda a Comunidade poden solicitar as axudas da Xunta para contratar Internet de banda larga vía satélite O programa, que vai pola terceira convocatoria, conta este ano cun investimento de 359.000 euros e permitirá achegar a banda larga a case 2.400 fogares e pequenas empresas que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.


Trátase dunha actuación do Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia, para facilitar o acceso á Internet a todos os galegos. Desde o ano 2012 estas axudas beneficiaron a preto de 2.000 fogares e pequenas empresas, situados nas zonas máis illadas da Comunidade.


As axudas estanse a tramitar a través de 5 empresas operadoras de telecomunicacións acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta de Galicia: Duo Telecom, Eurona, Intermax, Quantis e Terrachá Technoloy.


Beneficiarios e importe das axudas


Os beneficiarios das axudas son fogares e empresas con enderezo en Galicia que non dispoñan de acceso á Rede, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses.


Os interesados en acceder a estas subvencións deberán contratar o servizo con algunha das 5 entidades colaboradoras acreditadas pola Xunta de Galicia, que ofrecen servizos de internet vía satélite de ata 20Mbps de velocidade de baixada. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.


Este sector está composto principalmente por pequenas e medianas empresas de xeito que esta última liña do Plan contribuirá tamén a dinamizar a súa actividade.Con estas axudas a Administración autonómica busca avanzar un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural, e contribuíndo a mellorar a súa competitividade.


Cabe sinalar que Internet é chave na nova forma de relacionármonos coa Administración, facendo posible resolver xestións coa administración sen límites de tempo e espazo. Neste senso, estas axudas está permitindo que as pemes máis afastadas das redes de telecomunicacións tradicionais poidan realizar trámites administrativos a través da Internet, por exemplo, posibilitando o acceso das explotación agrarias ao servizo da Oficina Agraria Virtual.


O Plan reduciu en case un 90% os galegos sen cobertura na Comunidade


O Plan de Banda Larga facilitou o acceso a Internet mais de 700.000 habitantes dos 786.000 que carecían deste servizo en 2009. A día de hoxe, e grazas ao Plan, máis do 97% dos galegos xa dispoñen de acceso ao servizo de banda larga de calidade a través de redes fixas ou sen fíos.


O 3% restante dispón de cobertura de internet vía satélite sendo obxecto desta medida, que está destinada ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.


As actuacións desenvolvidas no Plan lograron que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. En 2011 a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 15% a un 5,5%, e grazas ao plan en 2013 esta porcentaxe diminuíu a menos do 2%.


Datos de contacto das empresas



  • Duo Telecom

web : www.duoteleco.es
Telf: 900 373 514 e 986 866 658
correo electrónico: info@duoteleco.es



  • Eurona

web: www.eurona.es e http://www.eurona.net/Galicia/
Telf: 900 84 84 04 e 901 444 888
fax: 93 467 05 20
correo electrónico: soporte-operador@eurona.net



  • Intermax

web :www.redintermax.com
Telf: 900 866 972
correo electrónico: sat@intermax.com.es



  • Quantis

web : http://www.quantis.es e http://www.bandalarga.es/
Telf: 900 102 504



  • Terrachá Technology

web : www.terrachatechnology.es
Telf: 800 00 77 03
correo electrónico: terrachatechnology@gmail.com

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal