Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Grupo de voluntarios corporativos

O voluntariado corporativo profesional aumenta un 458% nos últimos tres anos


  • Muller, de 35 anos, que busca empatizar con outras realidades, perfil do voluntario corporativo en España

  • É unha práctica que fideliza aos seus participantes.

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 14/03/14 (12:15)

O voluntariado corporativo profesional, no que os empregados transfiren os seus coñecementos específicos aos beneficiarios, aumentou un 458% entre 2011 e 2013, segundo se desprende das conclusións do estudo realizado por Fundación Adecco, coa colaboración de UPS e Hacesfalta.org, da Fundación Hazloposible.


O documento, que leva por título 'Voluntariado no Terceiro Milenio', analiza as tendencias recentes de voluntariado e afonda no voluntariado corporativo como unha ferramenta esencial de contribución social. Para iso, realizouse unha enquisa a 352 internautas que realizan voluntariado ou desexan facelo, complementada con outra paralela a 450 persoas que participaron en actividades de voluntariado corporativo a través da Fundación Adecco.


Así, no ano 2013, a Fundación Adecco desenvolveu 160 voluntariados corporativos xunto a 37 empresas, nos que participaron 4.145 voluntarios e 5.650 persoas con minusvalidez. Ademais, no último trienio a Fundación Adecco realizou un 30% máis de voluntariados.


A modalidade de voluntariado máis habitual foi o profesional (45,9%), é dicir, actividades nas que os voluntarios transfiren ás persoas con minusvalidez o seu 'know how' ou coñecementos específicos do seu posto de traballo. En segundo lugar, sitúase o voluntariado ambiental, cun 25,3%, no que se inclúen as accións desenvolvidas con empregados e persoas con minusvalidez dirixidas a favorecer a sostibilidade do ámbito.


A continuación, figura cun 17,8% o voluntariado de tipo deportivo, é dicir, actividades nas que empregados e beneficiarios practicaron disciplinas deportivas, xa sexa convencionais ou adaptadas; mentres que un 6,2% dos voluntariados foron de ocio ou culturais e un 4,8% dos voluntariados foron de tipo terapéutico.


Respecto ao perfil medio do voluntario corporativo en España é o dunha muller (54%), de 35 anos, que ve o voluntariado como unha oportunidade para empatizar con outras realidades e derrubar estereotipos. No documento tamén se destaca que o 100% dos enquisados que realiza este tipo de voluntariado quere repetir como voluntario e recomendaría a experiencia aos seus achegados, é dicir, ninguén participa só unha vez, senón que é unha práctica que fideliza aos seus participantes. 


VOLUNTARIADO E DISCAPACIDADE


A enquisa tamén afonda no voluntariado con persoas con discapacidade. Neste punto, os resultados reflicten que só un 12,5% das persoas que habitualmente realizan voluntariado, o realizaron algunha vez con persoas con discapacidade.


Non obstante, precisa que a máis da metade (58%) lle gustaría vivir esta experiencia se tivese a oportunidade, fronte a un 42% que non o ten tan claro por diversas razóns, a principal delas, non se sentir preparados ao non ter un trato habitual con este colectivo.


Neste sentido, o director xeral da Fundación Adecco, Francisco Mesonero, lamenta que na sociedade "seguen existindo barreiras, en forma de prexuízos e estereotipos, que dificultan a integración das persoas con discapacidade".


"Estas barreiras pesan aínda máis que as físicas, as de accesibilidade. O voluntariado é precisamente unha ferramenta ideal para combater estes prexuízos, pois os voluntarios teñen a oportunidade de normalizar a minusvalidez e decatarse de que non existen persoas discapacitadas, senón ámbitos e crenzas que discapacitan ás persoas", engade. 

Tema: Xeral
Fonte: Europapress
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal