Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Proxecto Correspondentes Xuvenís 3.0

Un total de 63 mozos difunden información xuvenil entre estudantes de 12 institutos de Santiago a través dun programa de Xuventude


  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza cos participantes da iniciativa ‘Correspondentes Xuvenís 3.0’


  • Os correspondentes están a informar sobre temas de interese xeral para a mocidade, como becas e axudas ou ofertas de traballo, ao tempo que difundirán información do propio centro, como certames ou viaxes


  • Ao remate do curso, os mozos recibirán un certificado que os acreditará como voluntarios xuvenís e se lles entregará o carné Xove que expide Xuventude


  • Os IES de Santiago que toman parte deste programa son os de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Politécnico de Conxo, Sar, San Clemente, Pontepedriña, La Salle, Antón Fraguas, Mestre Mateo e Fontiñas

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 17/01/14 (12:23)

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, vén de poñer en marcha unha nova iniciativa para promover o voluntariado e difundir información xuvenil entre a mocidade galega. Trátase do programa ‘Correspondentes Xuvenís 3.0’, que xa se desenvolveu o curso pasado en Santiago de maneira experimental. Tras o éxito acadado, este ano decidiuse ampliar esta actuación na que xa están a participar un total de 63 mozos e mozas en 12 institutos de secundaria da cidade compostelá


O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe unha xuntanza en Santiago cos correspondentes, aos que agradeceu o labor que están a realizar e os animou a seguir liderando a difusión da información xuvenil como a detectar e trasladar á Administración autonómica as demandas e necesidades dos mozos e mozas.


Os correspondentes recibirán ao remate do curso un certificado que os acreditará como voluntarios xuvenís, un título de educación non forma que, segundo explicou Rodeiro, é un valor engadido para o currículo, que cada vez se valora máis en Europa. Así mesmo, os participantes recibirán o carné Xove que expide Xuventude.


Os institutos que están a tomar parte do programa son: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Politécnico de Conxo, Sar, San Clemente, Pontepedriña, La Salle, Antón Fraguas, Mestre Mateo e Fontiñas.


Os correspondentes reciben periodicamente información e semanalmente un boletín informativo que se elabora no Centro Coordinador de Información Xuvenil de Xuventude, así como folletos e outro material de interese. A través de diferentes medios, como o taboleiro do propio instituto, blogs ou as redes sociais, difunden a información entre os seus propios compañeiros.


Por un lado, informan de temas que poden ser de interese xeral para a mocidade, como becas e axudas, ofertas de traballo, recursos e direccións de interese, aloxamentos xuvenís ou ocio e tempo libre; e, por outra banda, difunden a información que xera o propio centro educativo, como certames ou viaxes, o que permite dar visibilidade ás actuacións do instituto, que poden ser exemplos de boas prácticas a seguir por outros centros ou entidades xuvenís.


Desta maneira, os correspondentes convértense nuns mediadores ou axentes de información xuvenil entre iguais, o que redunda nunha mellor acollida da información por parte dos compañeiros, segundo sinalou Rodeiro. Para levar a cabo este labor, os mozos e mozas estiveron acompañados polos orientadores dos centros que participan no programa, os cales, tal e como destacou o director xeral de Xuventude, son “un piar fundamental” para a posta en marcha deste proxecto.


Por último, Rodeiro apuntou que este modelo permite “descentralizar a información xuvenil para achegala aos mozos e mozas dun xeito directo a través dos seus compañeiros” e sinalou que o obxectivo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado é o de trasladar este programa a outras cidades e vilas. De feito, neste curso outros 11 institutos galegos contan con correspondentes xuvenís 3.0.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal