
Os correspondentes están a informar sobre temas de interese xeral para a mocidade, como becas e axudas ou ofertas de traballo, ao tempo que difundirán información do propio centro, como certames ou viaxes
Os IES de Santiago que toman parte deste programa son os de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Politécnico de Conxo, Sar, San Clemente, Pontepedriña, La Salle, Antón Fraguas, Mestre Mateo e Fontiñas
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, vén de poñer en marcha unha nova iniciativa para promover o voluntariado e difundir información xuvenil entre a mocidade galega. Trátase do programa ‘Correspondentes Xuvenís 3.0’, que xa se desenvolveu o curso pasado en Santiago de maneira experimental. Tras o éxito acadado, este ano decidiuse ampliar esta actuación na que xa están a participar un total de 63 mozos e mozas en 12 institutos de secundaria da cidade compostelá
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe unha xuntanza en Santiago cos correspondentes, aos que agradeceu o labor que están a realizar e os animou a seguir liderando a difusión da información xuvenil como a detectar e trasladar á Administración autonómica as demandas e necesidades dos mozos e mozas.
Os correspondentes recibirán ao remate do curso un certificado que os acreditará como voluntarios xuvenís, un título de educación non forma que, segundo explicou Rodeiro, é un valor engadido para o currículo, que cada vez se valora máis en Europa. Así mesmo, os participantes recibirán o carné Xove que expide Xuventude.
Os institutos que están a tomar parte do programa son: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Politécnico de Conxo, Sar, San Clemente, Pontepedriña, La Salle, Antón Fraguas, Mestre Mateo e Fontiñas.
Os correspondentes reciben periodicamente información e semanalmente un boletín informativo que se elabora no Centro Coordinador de Información Xuvenil de Xuventude, así como folletos e outro material de interese. A través de diferentes medios, como o taboleiro do propio instituto, blogs ou as redes sociais, difunden a información entre os seus propios compañeiros.
Por un lado, informan de temas que poden ser de interese xeral para a mocidade, como becas e axudas, ofertas de traballo, recursos e direccións de interese, aloxamentos xuvenís ou ocio e tempo libre; e, por outra banda, difunden a información que xera o propio centro educativo, como certames ou viaxes, o que permite dar visibilidade ás actuacións do instituto, que poden ser exemplos de boas prácticas a seguir por outros centros ou entidades xuvenís.
Desta maneira, os correspondentes convértense nuns mediadores ou axentes de información xuvenil entre iguais, o que redunda nunha mellor acollida da información por parte dos compañeiros, segundo sinalou Rodeiro. Para levar a cabo este labor, os mozos e mozas estiveron acompañados polos orientadores dos centros que participan no programa, os cales, tal e como destacou o director xeral de Xuventude, son “un piar fundamental” para a posta en marcha deste proxecto.
Por último, Rodeiro apuntou que este modelo permite “descentralizar a información xuvenil para achegala aos mozos e mozas dun xeito directo a través dos seus compañeiros” e sinalou que o obxectivo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado é o de trasladar este programa a outras cidades e vilas. De feito, neste curso outros 11 institutos galegos contan con correspondentes xuvenís 3.0.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_140117_Corresponsables.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()