Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

Benestar colabora coa USC no desenvolvemento de actuacións de voluntariado dirixidas ás persoas maiores

  • O departamento autonómico asinou un convenio para o desenvolvemento desta iniciativa, que ten por obxectivo potenciar a participación social dos maiores como un piar do seu envellecemento activo
  • Permitirá a elaboración dunha guía para fomentar o seu papel activo como prestadores do servizo de voluntariado, e non só como receptoras do mesmo
  • Será tamén unha ferramenta que se porá a disposición das entidades para que poidan levar a cabo programas de información e divulgación sobre o voluntariado de persoas maiores
     
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 02/09/13 (09:46)

A Consellería de Traballo e Benestar colaborará coa Universidade de Santiago de Compostela no desenvolvemento dun programa de voluntariado dirixido ás persoas maiores coa finalidade de potenciar a súa participación social como un piar do seu envellecemento activo.

En concreto, asinou un convenio de colaboración que contempla tres actuacións. A primeira consistirá na prospección entre entidades de iniciativa social para facilitar unha relación das que están realizando ou poidan realizar actuacións de voluntariado dirixidas a persoas maiores. Tamén facilitarán unha relación de potenciais destinatarios de ditas actuacións.

Cruzaranse datos co obxectivo de poder identificar que entidades están traballando nestes ámbitos e tamén se solicitará información aos concellos galegos e aos centros sociocomunitarios para que poidan identificar nos seus ámbitos territoriais experiencias neste eido.

En segundo lugar, elaborarase unha guía para a promoción desta iniciativa na que se incluirán, entre outros, os seguintes módulos: envellecemento activo como marco de referencia; e características persoais, organizacionais e das tarefas de voluntariado para a participación voluntaria exitosa.

A guía pretende potenciar o papel das persoas maiores como axentes activos, é dicir, non só como receptoras ou beneficiarias do servizo de voluntariado, senón como prestadoras, de xeito que, unha vez finalizada a súa vida laboral, poidan desenvolver tarefas que lles permitan seguir tendo unha vida diaria con actividade.

Será tamén unha ferramenta que se porá a disposición das entidades para que poidan levar a cabo programas de información e divulgación sobre o voluntariado, no que poderá colaborar a Consellería de Traballo e Benestar cara a acadar unha incorporación cada vez maior de persoas voluntarias a estes programas.

Por último, facilitaranse directrices e recomendacións que permitan establecer as bases para o deseño dun banco de voluntariado a favor das persoas maiores, con ubicación na plataforma web da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal