Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Ana Freire.

A enxeñeira e doutora en informática Ana Freire, Premio Ada Byron do CPEIG

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 29/09/21 (13:41)

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai conceder o Premio Ada Byron, centrado en salientar os nomes e as importantes contribucións das nosas mulleres tecnólogas, á enxeñeira e doutora en Informática Ana Freire, “pola súa achega na aplicación da Intelixencia Artificial ao ben social” e o “seu impulso ao enfoque feminino da tecnoloxía”. Será entregado no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, o 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. Ana Feire, en palabras do CPEIG, é unha firme impulsora do uso da tecnoloxía para o ben social, así como das contribucións das mulleres neste ámbito “para lograr unha tecnoloxía plenamente útil e ao servizo das persoas”.

A gala

Como dixemos a Noite da Enxeñaría en Informática desenvolverase o vindeiro 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. O Premio Ada Byron homenaxea ás mulleres enxeñeiras e ás súas achegas, e rende memoria á que da nome ao premio, a escritora e matemática Ada Byron, autora do primeiro algoritmo e considerada a primeira programadora informática da historia.

Ana Freire

Ana Freire (Rábade, 1983) estudou Enxeñaría Informática na Universidade da Coruña, onde obtivo o doutoramento cum laude. Realizou estancias de investigación en centros de prestixio internacional como Yahoo Labs, a Universidade de Glasgow ou o Centro Nacional de Investigación de Italia. Na actualidade dirixe a área de Tecnoloxía da ‘UPF Barcelona School of Management' da Universitat Pompeu Fabra.

É experta en Intelixencia Artificial e recuperación de información e as súas investigacións incidiron en campos como a sustentabilidade e a saúde. “É apaixonante ver como a tecnoloxía, ben aplicada, pode axudar ao benestar das persoas. Necesítase moita divulgación científica sobre a tecnoloxía deseñada para o ben social, pois xeralmente móstrase a súa cara menos amigable, cando con todo, ben utilizada, pode achegar grandes beneficios ao ser humano”, asegura. Dende 2017 lidera o proxecto STOP (Suicide prevenTion in social Platforms), que utiliza as tecnoloxías máis disruptivas para estudar nas redes sociais problemas mentais como as tendencias suicidas ou os trastornos da conduta alimentaria. Analízase o texto das publicacións, as imaxes, as conexións sociais e a actividade nas redes, para detectar os mesmos sinais que se buscan nas consultas presenciais de psicoloxía, como a procura de apoio social, o insomnio ou o acoso escolar. Ademais, é un labor que se realiza de xeito anónimo, extraendo patróns de comportamento comúns a alteracións como as tendencias suicidas, a depresión ou os trastornos da conduta alimentaria. Con esta información lánzanse logo campañas dirixidas a usuarios anónimos destes perfís, enviando teléfonos de axuda, como é o caso do servizo que ofrece o Teléfono da Esperanza, xestionado pola asociación do mesmo nome.

O CPEIG destaca que a doutora Freire creou o proxecto STOP no ano 2017, “sen apenas financiamento nin persoal investigador”. E explica a propia enxeñeira: “Impulsar un proxecto así non foi fácil, en parte polas implicacións éticas que supón, e tamén porque ao ser muller e moza, resultaba complicado atopar institucións colaboradoras. Pero con moita motivación e moito esforzo, STOP intégrano xa sete institucións a nivel internacional, que cumpriron un gran obxectivo: incrementar nun 60 por cento as chamadas provenientes de redes sociais ao Teléfono da Esperanza”.

40 publicacións e unha manchea de distincións

Autora de máis de 40 publicacións científicas e varias patentes, acumula numerosos recoñecementos nacionais e internacionais. Foi incluída por Business Insider na lista dos 23 mozos españois chamados a liderar a revolución tecnolóxica. Recibiu, entre outros, o premio ao Novo Talento Científico Feminino da Fundación Real Academia das Ciencias e Mastercard, e o premio Ada Byron Novo outorgado pola Universidade de Deusto. “Ana”, engaden dende o CPEIG, “é unha gran divulgadora e impulsora da ciencia e a tecnoloxía entre as mulleres máis novas, liderando varias iniciativas para romper a fenda de xénero en carreiras técnicas”, entre elas, o concurso internacional Wisibilízalas, onde nas súas cinco edicións participaron máis de 3.000 mozos de España e Latinoamérica, que crearon máis de 1.200 páxinas web de mulleres profesionais en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (STEM). Segundo destaca o colexio, Wisibilízalas “rompe estereotipos e promove o uso da tecnoloxía e as competencias dixitais, fomenta o traballo en equipo, mellora a capacidade de investigación e a creatividade”.

En opinión de Ana Freire, “a muller continúa infrarrepresentada no ámbito tecnolóxico, e isto é un problema grave porque a tecnoloxía necesita deseñarse en ámbitos diversos e corre o risco de ser desenvolvida con enfoques parciais que a fagan inutilizable. Por outra banda, o tecido empresarial tecnolóxico está a xerar moito emprego, e a muller non pode quedar fóra desta gran oportunidade, se non o problema do enfoque de xénero agravarase cada vez máis”. Entre as claves para unha maior presenza da muller no ámbito científico-técnico, destaca que “cómpre mellorar a forma coa que informamos ás mozas sobre estas carreiras, mostrarlles o amplo abano de novas aplicacións que a ciencia e a tecnoloxía teñen na nosa sociedade, en eidos de actuación tan diversos como a medicina, a economía, a sustentabilidade… Cando a Universitat Pompeu Fabra lanzou o Grao en Enxeñería Matemática en Ciencia de Datos, fixemos unha gran campaña liderada por docentes e investigadoras, na que visitamos centros de secundaria mostrando as múltiples aplicacións prácticas da ciencia de datos. Conseguiuse un balance de xénero nesta carreira que aínda se mantén”.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal