Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Verónica Bolón.

A investigadora galega Verónica Bolón recibe o Premio Dona TIC 2020 na categoría revelación

Versión para impresiónSend by email
A Coruña, 20/10/20 (13:02)

Verónica Bolón, investigadora do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), vén de ser galardoada cun premio Dona TIC, que outorga a Consellería de Políticas Dixitais e Administración Pública da Generalitat de Cataluña ao abeiro do plan do mesmo nome, destinado a visualizar as importantes contribucións das mulleres no eido tecnolóxico-dixital. En concreto, a investigadora galega recibiu o premio na categoría revelación polo seu traballo.

Estes galardóns recoñecen o talento e a afouteza emprendedora de oito mulleres tecnólogas procedentes de diversos ámbitos, como son o empresarial, profesional, académico e iniciativas sociais. A maiores, tamén teñen a finalidade de espertar vocacións, ofrecendo referentes a nenas e mulleres nas disciplinas STEM e a asumir posicións de liderado no sector. As oito galardoadas nesta sexta edición foron seleccionadas entre 85 candidaturas. Verónica Bolón é doutora en Informática pola UDC, secretaria da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA) e está comprometida co fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas, coordinando o nodo do proxecto Inspira STEAM en A Coruña. A investigadora, como lembraremos, ingresou recentemente na Academia Joven de España.

O acto de entrega celebrouse o martes 13 de outubro, como conmemoración do Día de Ada Lovelace, unha celebración internacional dedicada aos logros das mulleres en áreas STEM e que ten lugar cada ano o segundo martes de outubro.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal