
Verónica Bolón, investigadora do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), vén de ser galardoada cun premio Dona TIC [3], que outorga a Consellería de Políticas Dixitais e Administración Pública da Generalitat de Cataluña ao abeiro do plan do mesmo nome, destinado a visualizar as importantes contribucións das mulleres no eido tecnolóxico-dixital. En concreto, a investigadora galega recibiu o premio na categoría revelación polo seu traballo.
Estes galardóns recoñecen o talento e a afouteza emprendedora de oito mulleres tecnólogas procedentes de diversos ámbitos, como son o empresarial, profesional, académico e iniciativas sociais. A maiores, tamén teñen a finalidade de espertar vocacións, ofrecendo referentes a nenas e mulleres nas disciplinas STEM e a asumir posicións de liderado no sector. As oito galardoadas nesta sexta edición foron seleccionadas entre 85 candidaturas. Verónica Bolón é doutora en Informática pola UDC, secretaria da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA) e está comprometida co fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas, coordinando o nodo do proxecto Inspira STEAM en A Coruña. A investigadora, como lembraremos, ingresou recentemente na Academia Joven de España [4].
O acto de entrega celebrouse o martes 13 de outubro, como conmemoración do Día de Ada Lovelace, unha celebración internacional dedicada aos logros das mulleres en áreas STEM e que ten lugar cada ano o segundo martes de outubro.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10939.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://citic.udc.es/gl/veronica-bolon-recibe-o-premio-dona-tic-2020-na-categoria-revelacion/
[4] https://codigocero.com/Veronica-Bolon-profesora-da-FIC-e-investigadora-do-CITIC-ingresa-na-Academia