Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Fotograma do novo episodio de ON Fologüers.

Volven os "ON Fologüers" da Fundación ONCE para alertar do #BarrerismoCovid

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 29/06/20 (09:23)
  • Os coñecidos "On Fologüers" da Fundación ONCE volveron tralo confinamento pola Covid-19 para alertar, a través da tecnoloxía, sobre as novas barreiras que a chamada "nova normalidade" creou para as persoas con discapacidade.

Utilizando o hashtag #BarrerismoCovid, os protagonistas desta serie denuncian no novo capítulo os obstáculos que supoñen algúns elementos na volta á normalidade, como os biombos, as máscaras, os xeles hidroalcohólicos ou a información e as normas pouco accesibles.

Co sentido do humor que caracteriza esta serie, os personaxes mostran como se enfrontan as persoas con discapacidade á situación que deixou a pandemia do coronavirus e que inclúe centos de normas pouco accesibles e elementos que dificultan a súa vida cotiá.

Trátase do primeiro dunha nova tempada de dous capítulos protagonizados por Dani, que é un mozo con discapacidade intelectual, e María, que se move en cadeira de rodas.

Baixo o título "Miña nai, a nova normalidade", Dani pon de manifesto as dificultades que teñen as persoas con discapacidade intelectual para comprender toda a información, a linguaxe e a normativa xerada para loitar contra a pandemia.

Pola súa banda, no seu día a día María debe sortear os biombos e barreiras que se instalaron nos espazos públicos para que os cidadáns manteñan a distancia de seguridade. Tamén advirte das dificultades para acceder a un xel hidroalcohólico situado moi alto para alcanzalo.

Paralelamente a este material audiovisual, a Fundación ONCE publicou xunto co Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e o Real Padroado sobre Discapacidade o tríptico "11 claves para unha 'nova normalidade' accesible", no que se fan recomendacións tendo en conta as necesidades das persoas con discapacidade na adecuación dos espazos e edificios públicos a esta nova realidade froito da loita contra a Covid-19.

Aquí podedes ver o novo capítulo de 'ON Fologüers'.

Tema: Xeral
Fonte: Tecnobility
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal