
Utilizando o hashtag #BarrerismoCovid, os protagonistas desta serie denuncian no novo capítulo os obstáculos que supoñen algúns elementos na volta á normalidade, como os biombos, as máscaras, os xeles hidroalcohólicos ou a información e as normas pouco accesibles.
Co sentido do humor que caracteriza esta serie, os personaxes mostran como se enfrontan as persoas con discapacidade á situación que deixou a pandemia do coronavirus e que inclúe centos de normas pouco accesibles e elementos que dificultan a súa vida cotiá.
Trátase do primeiro dunha nova tempada de dous capítulos protagonizados por Dani, que é un mozo con discapacidade intelectual, e María, que se move en cadeira de rodas.
Baixo o título "Miña nai, a nova normalidade", Dani pon de manifesto as dificultades que teñen as persoas con discapacidade intelectual para comprender toda a información, a linguaxe e a normativa xerada para loitar contra a pandemia.
Pola súa banda, no seu día a día María debe sortear os biombos e barreiras que se instalaron nos espazos públicos para que os cidadáns manteñan a distancia de seguridade. Tamén advirte das dificultades para acceder a un xel hidroalcohólico situado moi alto para alcanzalo.
Paralelamente a este material audiovisual, a Fundación ONCE publicou xunto co Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e o Real Padroado sobre Discapacidade o tríptico "11 claves para unha 'nova normalidade' accesible", no que se fan recomendacións tendo en conta as necesidades das persoas con discapacidade na adecuación dos espazos e edificios públicos a esta nova realidade froito da loita contra a Covid-19.
Aquí podedes ver o novo capítulo de 'ON Fologüers' [3].
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10699.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://youtu.be/V9Hs0DYm1ig